O BNG denuncia o baixo nivel de execución dos investimentos do Estado, nova discriminación con Galiza

Noa Presas
Noa Presas

Noa Presas critica que a resposta da Xunta sexa unha comisión de seguimento “pantasma” anunciada por Feixóo a modo de cortina de fume

A portavoz de Economía Noa Presas denunciou a dobre discriminación orzamentaria do Estado con Galiza: Inviste menos que fai unha década e, por riba, deixa sen executar unha parte moi significativa do presupostado. De feito, só no bienio 2015-2016 esa falta de execución fixo perder a este país 996 millóns de euros consignados para as obras do AVE.

“Cómpre recordar que o descenso do investimento territorializado en Galiza foi o segundo máis alto de todo o Estado termos absolutos e o terceiro en termos relativos”, salientou Presas, “un recortazo inxusto e agora estamos vendo como Montoro vai aplicar quitas ás CCAA que pediron financiamento extra que tamén pagaremos os e as galegas”.

Neste contexto, o BNG pregunta pola comisión de seguimento da execución dos orzamentos do Estado en Galiza anunciada polo propio presidente da Xunta en sede parlamentaria. “O agravio era tan escandaloso que non tiveron mellor ocorrencia que anunciar no pasado mes de abril a creación dunha comisión de seguimento para fiscalizar a execución orzamentaria Goberno central, aínda que o de facer seguimento e fiscalizar os compromisos do Estado, debera irlles no soldo”, salientou.

Dez meses despois sen ter nova algunha de tal comisión e á vista do resultado, Presas conclúe que “non foi máis que unha cortina de fume para tapar a vergonza que lles daba o recortazo a Galiza nas contas de 2017”. “Desde o BNG, si nos tomamos en serio o cumprimento dos compromisos cos galegos e galegas e se esa comisión existe imaxino que farán actas e poderán remitírnolas”, reclamou, insistindo na súa denuncia de comisión fantasma sen efectividade algunha á hora de defender os investimentos comprometidos con este país.

Presas tamén interpelou ao Goberno de Feixóo en relación as contras futuras: “Agora que estamos ás portas dun novo orzamento,  van exercer o seu poder político para que o Estado cumpra ou van permitir un ano máis que sexamos quen máis perde?”

En 2015 en Galiza executouse o 80,8% dos investimentos, no Estado o 107,1%; en 2016 en Galiza o 46,7%, no Estado, case o dobre 89%”. En 2017, “o punto de partida era nefasto e visto o historial de baixa execución que ten o Goberno central co noso país, só queda concluír que de pouco nos está servindo que vostedes sexan os primeiros da clase do señor Mariano Raxoi cando vemos o nivel de execución dos orzamentos que é parello ao nivel de discriminación con este país”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG