Parlamento Galego

O BNG demanda do PP un compromiso real para mellorar as condicións laborais do persoal sanitario

Reunión de Montse Prado cos sindicatos
Reunión de Montse Prado cos sindicatos
  • “Os recortes comezaron no 2010 e xa estamos no 2017”, salienta Prado, quen pide aproveitar a tramitación dos orzamentos para atender as demandas sindicais

O BNG pide ao PP “compromiso político” para mellorar as condicións laborais dos traballadores e traballadoras da sanidade pública que levan padecendo os recortes impostos polo Goberno de Feijóo desde 2010. “Son grandes damnificados porque perderon moitos dereitos laborais”, salientou a portavoz de Sanidade, Montse Prado, tras un encontro cos responsables das federación sanitarias dos sindicatos CIG, UGT, CCOO,SATSE e CESIF.

“Feijóo ten que pasar das loas aos traballadores e traballadoras da sanidade a demostrar con feitos que asume as súas demandas”, indicou Prado, tras instar ao presidente da Xunta “a sentarse a  negociar cos representantes laborais do persoal sanitario”. A deputada nacionalista subliñou que “se hai vontade, estamos a tempo, porque se pode aproveitar a tramitación dos orzamentos de 2017” agora no Parlamento.

Neste sentido, aludiu ao fondo de continxencia dotado con 30 millóns de euros, e ás propias emendas propostas polo Bloque que afectan ao persoal sanitario, como os 54 millóns de euros que demanda a formación nacionalista vía emenda para reposición e contratacións no SERGAS, tras a redución de 2.000 efectivos ao longo do goberno de Feijóo. Igualmente, Prado insta á Xunta a elaboración dun cronograma a negociar coas centrais sindicais para recoller e implementar as melloras que demandan os e as traballadoras.

“Desde o BNG temos un claro compromiso,  e así llo transmitimos aos representantes sindicais, coa defensa do persoal sanitario e pensamos que rescatar as súas condicións laborais é unha prioridade”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG