O BNG demanda un centro de día para Rianxo

Xosé Luís Rivas "Mini"
Xosé Luís Rivas "Mini"

Xosé Luís Rivas "Mini" advirte da distancia que teñen que percorrer as persoas usuarias, -máis de 3.000 superan os 65-, a centros de concellos da comarca

O BNG demanda un centro de día para Rianxo

O deputado pola Coruña Xosé Luís Rivas reclamou no Parlamento un centro de día para o concello de Rianxo, tal como demanda o goberno local e a maioría social tendo en conta que se trata dun municipio cun elevado envellecemento da poboación.

“As persoas maiores teñen dereitos, e as mulleres que se ven obrigadas a asumir o seu coidado tamén”, alegou Rivas, quen se preguntou se a cor política do goberno municipal, liderado polo BNG, está detrás das dificultades para conseguir esta infraestrutura necesaria, como demostra a creación dunha plataforma para sumar esforzos que ten realizado concentracións, manifestacións, protestas e un peche ininterrompido desde o día 13 de xullo no salón de plenos do concello.

O deputado advirte da distancia de ata cincuenta quilómetros que se verían obrigados a facer as persoas usuarias potenciais da infraestrutura, por ter que desprazarse aos concellos da contorna. Lembrou Rivas que o BNG xa presentou unha emenda aos orzamentos da Xunta para incluír unha partida para o centro de día.

O Concello, subliñou Rivas, está disposto a facilitar terreos, “nunha vila como Rianxo que conta con máis de 3.000 persoas con máis de 65 anos”.