O BNG defende o modelo de escola unitaria para fixar poboación no medio rural

O BNG defende o modelo de escola unitaria para fixar poboación no medio rural
  • O deputado, Xosé Luís Rivas reclamou manter a unitaria “A Revoltiña de Soandres” na actualidade ameaza de peche  

O deputado do BNG, Xosé Luís Rivas (Mini), defendeu hoxe unha proposición non de lei na comisión de Educación para reclamar o mantemento da escola unitaria “A Revoltiña de Soandres” no concello da Laracha.

Para o  nacionalista,  o argumento para pechar a escola unitaria  por falta de matricula non se corresponde coa realidade da  parroquia  con 800 habitantes e unha demografía en crecemento. Ademais, a parroquia está  próxima a Coruña e conta cunha  nova estrada que permite aos traballadores e traballadoras desprazarse tan só en dez minutos o que está a producir “asentamento de parellas” na zona.

O parlamentario asegurou que as escolas unitarias sofren “acoso” por parte da inspección de educación que tenta convencer aos país para trasladar aos nenos e nenas a outros colexios, en detrimento das unitarias. Estas escolas, recalcou Mini, son “próximas á xente e cunha pedagoxía avanzada”. Noutras comunidades do Estado son valoradas e mesmo a xente vai vivir cerca para que os nenos e nenas se eduquen nunha avanzadilla pedagóxica. En Castela e León e Asturias “miman as escolas rurais” cun número mínimo de catro alumnos. Si pechamos as escoas unitarias, estamos pechando o “medio rural” e esa é a estratexia  do Partido popular.

O deputado censurou o “criterio economicista” do Partido popular no peche de escolas rurais  e apelou aos dereitos das familias. Os rapaces e rapazas, explicou, teñen dereito a ir a xantar a casa e tamén a non utilizar o transporte escolar e o argumento económico que defende o Partido popular  “non vale”.

Mini advertiu que se a escola “A Revoltiña” pecha, aínda que sexa de maneira provisional por falta de matricula, “nunca máis se vai a abrir” por criterios que a administración alenta en aras do consumismo e a concentración.

Pola súa parte, o portavoz do grupo popular anunciou que votarían en contra da iniciativa nacionalista por falta de recursos económicos para manter escolas unitarias con pouca matricula ao que o deputado respondeu que o problema non é económico,  reside no modelo de  “agrupamento de alumnos”.

Finalmente, o deputado afirmou que se tres especialistas teñen que  desprazarse a dar clase á unitaria, “así debe ser”  como demandan os veciños e veciñas de Soandres. O mundo rural non é só  agricultura e  leite, é tamén  educación, servizos de gardería ou servizos para cubrir as necesidades das persoas que habitan no medio rural.

Os votos en contra do Partido popular impediron que a iniciativa do BNG prospera.