O BNG culpa a Tejerina e Quintana de “deixar tirada” á frota galega cun novo recorte nas cotas de pesca

Ana Miranda e Montse Prado critican o “teatrillo” dunha negociación que confirma a estratexia de desaparición programada dun sector clave para Galiza

O BNG culpa a Tejerina e Quintana de “deixar tirada” á frota galega cun novo recorte nas cotas de pesca

O BNG considera que Bruxelas acaba de dar un novo golpe ao sector pesqueiro galego coa  redución de TACs e cotas de pesca aprobado pola UE para 2018, coa “compracencia” da ministra e da conselleira de Pesca, Isabel García Tejerina e Rosa Quintana, que “deixaron tirada” á frota galega permitindo o enésimo recorte nas capturas pese a que Galiza é altamente dependente da pesca.

Nunha negociación que a portavoz parlamentaria de Pesca, Montse Prado, cualifica de “teatrillo”, o Bloque advirte que estamos ante a “desaparición programada” dun sector estratéxico para o país que acumula recorte tras recorte desde 2015 e soporta unha discriminación fronte a outras frotas, como pasa coa pesquería do xurelo a máis prexudica en termos porcentuais que chega ao 24% na área IX desde Fisterra ao sur, mentres que hai un incremento do 21% na área VIIIc do Cantábrico.

Para a portavoz do Bloque en Bruxelas, Ana Miranda, considera que o problema das negociacións do Consello de Ministros de Pesca "é que Galiza chega vendida a esa cita cunha ministra que aceita a drástica baixada de cotas pesqueiras fixada xa durante a etapa de Damanaki como comisaria de Pesca, decretando a morte lena do sector, e cunha conselleira do Mar que asiste silenciosa mentres outras nacións pelexan polo seu”, denunciou.

Miranda lembra que o presidente do Goberno galego "asegurou que iría ao Tribunal de Xustiza Europeo" pola discriminación que supón para a frota galega establecer como base do reparto das cotas de pesca o criterio de estabilidade relativa, “promesa que incumpriu”.

Entre as principais críticas do Bloque ao resultado do cumio europeo de Pesca que non se unifican as zonas VIIIc e IXa para especies peláxicas estratéxicas como o xurelo, a xarda ou o bocarte, “o que provoca un continuo baile de subidas e baixadas nas porcentaxes de capturas entre ambas zonas”. Igualmente, o feito de que se apliquen os mesmos criterios para a pesca industrial que para artesanal en especies complementarias, “unha política de uniformización con graves consecuencias” en particular para a frota do xeito suxeita ás mesmas condicións que a peláxica.

O BNG tamén é contundente cando critica que non se tivese en conta a recuperación do caladoiro do Gran Sol, grazas sobre todo ao esforzo da frota galega, pero no que a principal especie para o sector, -a pescada-, oscila entre un incremento do 10% a unha diminución do 7%. Por contra, nada se avanza para que os pesqueiros galegos podan capturar a parte de cota de rape que Francia deixa sen pescar. En definitiva, a Xunta non desenvolveu medidas adaptadas á realidade do sector, non reclamou a exención de cotas á pesca artesanal, nin blinda as competencias en augas interiores de Galiza.