Consello Nacional

O BNG culminará na asemblea de marzo o proceso para reforzar o proxecto nacionalista en Galiza

BNG1
Ana Pontón intervindo no Consello Nacional
  • Ana Pontón salienta o intenso debate da militancia dentro do Proceso Adiante e o caudal de ilusión recollido nas eleccións do 25S que se traduciu nun aluvión de afiliacións

A Portavoz Nacional do BNG, Ana Pontón comezou a súa intervención no Consello Nacional facendo unha rotunda condena aos últimos episodios de violencia de xénero acontecidos no país e reclamando máis medios e recursos para garantir o dereito das mulleres a unha vida sen violencia.

O Consello Nacional aprobou o calendario para a celebración da XVI Asemblea Nacional do BNG que terá lugar os días 25 e 26 de marzo, e concluirá o Proceso Adiante decidido en febreiro na última gran cita da militancia. Un proceso de redifinición que se traduciu nun intenso debate, “o máis amplo é aberto desenvolvido nunca polo Bloque para redefinir o futuro do proxecto nacionalista”, indicou a portavoz nacional na súa intervención ante o Consello Nacional aberta aos medios.

En palabras da portavoz nacional, “esta asemblea é clave para culminar o tempo novo que abrimos durante este último ano para reforzar o proxecto do BNG como alternativa real de cambio, para os galegos e as galegas que non nos conformamos e que temos un proxecto ambicioso de país”.

Pontón convidou a “confiar nas propias forzas” convencida de que o nacionalismo é máis útil e necesario ca nunca máxime tras os novos exemplos da “estratexia de submisión de Feijóo que nos conducen á irrelevancia política”, como o clamoroso silencio do presidente da Xunta ante o veto de Rajoy á transferencia da AP9 mentres se prepara un rescate de 6.000 millóns de euros das radiais madrileñas.

Dentro do Proceso Adiante celebráronse 120 asembleas abertas a nivel local e comarcal cunha participación próxima aos 2.000 militantes e simpatizantes, nun traballo de discusión, análise e presentación de propostas que se prolongou tamén nas seis mesas sectoriais abertas á participación de calquera persoa interesada en facer aportacións ao proxecto nacionalista, tivese ou non carné do BNG.

A situación económica, social, lingüística e demográfica de Galiza foron as cuestións centrais de debate do Proceso Adiante, así como a análise do papel que debe xogar o nacionalismo ante un modelo administrativo e territorial do Estado cuestionado e caduco. Igualmente, foi motivo de análise cal debe ser a estratexia do BNG no momento actual e como mellorar os métodos de comunicación e intervención social, así como o propio modelo organizativo do Bloque.

As conclusións deste ano de debate serán as bases para elaborar os textos da XVI asemblea nacional da que, segundo explicou a portavoz nacional, Ana Pontón, “sairá, estou segura, un BNG reforzado cunha meta clara: ser a alternativa ao PP en catro anos”.

“Díxeno despois das eleccións galegas e volvo repetilo: O BNG iniciou unha nova etapa co Proceso Adiante no que actualizamos discurso para volver recuperar apoio social e electoral. Tivemos a primeira proba de que imos polo bo camiño nas eleccións galegas do 25S nas que, -sen ter o resultado que nos gustaría-, si logramos que miles de persoas volvesen mirar ao BNG con ilusión, con esperanza, como a mellor opción para darlle un futuro a este país”, explicou Pontón ante o Consello Nacional.

“Con todo ese caudal, coa forza de todo ese apoio encaramos a próxima asemblea nacional da que teño a seguridade sairá un proxecto nacionalista renovado e capaz de ser unha alternativa real e en clave de país ao PP en catro anos, cando de novo pidamos o apoio dos galegos e das galegas nas urnas”, reiterou.

O respaldo colectado ao longo do último ano, en particular tras os resultados das eleccións galegas, traduciuse nun aluvión de afiliacións de militantes ao BNG, cun total de 310 novas altas, -o 60% tras o 26S-, no que o 40% é xente moza por debaixo dos 25 anos. Ao que se suma un significativo incremento en 492 persoas no censo de simpatizantes.

Calendario da XVI AN

Ademais da propia data de celebración, o BNG aprobou un detallado calendario de cara á cita coa militancia. Neste sentido, o 20 de decembro constitúese a comisión redactora dos relatorios que, xunto co regulamento da asemblea, serán aprobados polo Consello Nacional o 18 de febreiro para o seu posterior debate polas bases, e quedarán definitivamente aprobados coas aportacións das comarcas un mes máis tarde. Outra data significativa é a do 20 de marzo como prazo límite para a presentación de candidaturas ao Consello Nacional.

“Moción de censura encuberta” en Pontevedra

Por outra banda, a Portavoz Nacional do BNG trasladou o seu apoio e o de todo o Consello Nacional ao goberno de Pontevedra ante a que calificou de “moción de censura encuberta” que está a producir na cidade do Lérez. “Trátase dun feito insólito e vergoñante. O PP, PSOE, Ciudadanos e En Marea pactaron un orzamento destrutivo que supón un ensaio de gran coalición á galega contra o goberno do BNG e o modelo de cidade de Pontevedra. Hoxe a Marea ten unha magnifica oportunidade para desautorizar ese pacto PP-Mara”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG