O BNG critica a “tremenda imprudencia” da Xunta desactivando o dispositivo de loita contra o lume

Incendio de Verín. Foto Twitter @BrifLaza
Incendio de Verín. Foto Twitter @BrifLaza

Reclama un sistema público 100%, operativo todo ao ano e homoxéneo en toda Galiza, ante un rural abandonado e cun país convertido en selva

O BNG cualifica de “tremenda imprudencia” por parte de Xunta ter desactivado o dispositivo de loita contra os lumes dadas as actuais condicións meteorolóxicas, o que está obrigando ao Goberno galego a chamar de novo ao persoal brigadista para combater os numerosos incendios destes últimos días, sobre todo na provincia de Ourense.

“O grave problema é a falta de prevención e o abandono do medio rural que ten convertido Galiza nunha selva”, salienta o portavoz parlamentario de Agricultura, Xosé Luís Rivas, “ao que se suma un dispositivo heteroxéneo, atomizado con brigadas de todo tipo, sen que exista unha homologación na preparación, nas funcións nin nas condicións laborais”.

Neste sentido, o Bloque considera que “ten que haber un dispositivo público ao 100%, igual para todo o país e que estea en funcionamento os 365 días ao ano, porque estamos ante lumes de nova xeración”, argumentou Rivas a preguntas dos medios, ao que se suma o abandono do rural e a eucaliptización do territorio.

O deputado puxo como exemplo as brigadas nos concellos “que aos tres meses, cando o persoal empeza a estar preparado, desaparece e para o ano outra diferente”. “Non pode haber esa heteroxeneidade, hai que tomarse os lumes en serio, e sobre todo a protección da poboación”, recalcou Rivas, empezando por que se cumpra a normativa en vigor que, entre outras cuestións, establece franxas de protección con casas e infraestruturas de 50 metros.

“Non se cumpre, como recoñecía mesmo o director xeral de Montes, en sede parlamentaria, denunciou.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG