Aprobada a iniciativa do BNG para que a Xunta acometa a restauración dos frescos nas igrexas de Guitiriz

Frescos Guitiriz
Frescos Guitiriz

A Xunta iniciará diálogo co Arzobispado, o Concello de Guitiriz e a Deputación de Lugo para acometer as actuacións de consolidación e restauración que sexan precisas

“Traballamos para o ben do patrimonio deste país e os acordos e o entendemento teñen que ser a base para dar solucións reais a casos concretos” afirmou Rodil

A Parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, anunciou o acordo ao que se chegou no Parlamento Galego para aprobar, a proposta do BNG que foi emendada polo grupo popular. No acordo acadado sintuase o compromiso de avaliar o estudo técnico en proceso de elaboración unha vez rematado, para estudar tanto o estado de conservación dos frescos situados nas igrexas parroquiais dos Vilares e Labrada (Guitiriz) e as medidas a adoptar para frear o seu deterioro e garantir a súa conservación.

Ademais aprobouse a necesidade de abrir un espazo de diálogo co Arzobispado, o Concello de Guitiriz e a Deputación de Lugo para acometer as actuacións de consolidación e restauración que sexan precisas. Rodil sinalou que “o BNG parabenízase por ter chegado a un acordo parlamentar que suporá a recuperación dos frescos das igrexas dos Vilares.

A deputada nacionalista asegurou que o avanzado estado de deterioro no que se atopan as pinturas-mural urxen acometer as actuacións de restauración e conservación que salvagarden estes bens de grande valor artístico e patrimonial. Así mesmo, asegurou que o acordo non se tería producido sen o traballo desenvolvido pola Asociación Sociocultural Lareira de soños, polos cregos das parroquias e pola veciñanza dos Vilares e Labrada no Concello de Guitiriz que levan anos a loitar na defensa dos frescos.

"Agardamos, desde o BNG, que a Xunta de Galiza inicie os traballos de recuperación e conservación no menor tempo posíbel para que a humidade non continúe a deteriorar aínda máis unhas pinturas que se atopan xa nun estado moi precario, especialmente as da igrexa parroquial dos Vilares”. Rodil, antes do debate parlamentario, visitou os frescos das igrexas de Labrada e Os Vilares no concello de Guitiriz e anunciou que trasladará unha iniciativa ao Parlamento Galego para reclamar a protección destes elementos patrimoniais. Olalla Rodil, visitou as igrexas que conteñen os frescos acompañada do voceiro do BNG en Guitiriz e de representantes de Asociacións vencelladas á protección do patrimonio para coñecer, en primeira persoa, a situación das pinturas murais.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG