O BNG considera compatible garantir o subministro de auga a Vigo e preservar a riqueza do Verdugo

Luís Bará
Luís Bará

Bará insta á Xunta a “sentarse a negociar” e deixar a confrontación para colaborar en  cuestións de país onde non caben as “guerras partidistas”

Desbota o transvase e propón un plan de investimentos para mellorar  a rede de abastecemento de auga e a modernizar a planta do Casal

O BNG considera compatible garantir o subministro de auga a Vigo e preservar a riqueza do Verdugo

O BNG critica o veto do PP a unha proposta nacionalista con medidas que facían compatible a preservación da riqueza ambiental e socioeconómica do Río Verdugo con garantir o abastecemento de auga de calidade a Vigo e aos concellos da comarca. “Esta iniciativa ten dous obxectivos totalmente complementarios: Salvagardar o río Verdugo e garantir o subministro con auga de calidade a Vigo e a todos os concellos que comparten a mesma rede de abastecemento”, sintetizo o deputado Luís Bará.

“Traemos unha proposta construtiva que permite superar a confrontación e dar solucións aos problemas pendentes, que son perfectamente coñecidos desde fai polo menos 15 anos”, resaltou na súa argumentación, tras salientar que “o obxectivo principal da proposta do BNG é traballar en favor de Vigo e da súa comarca para resolver un problema pendente, complexo pero que ten solucións, e máis alá da confrontación partidista hai que dar un debate serio sobre a auga como recurso, que dea resposta ao problema cíclico da seca como consecuencia do cambio climático”.

A proposta do Bloque desbota o transvase do Verdugo, que suporía unha “catástrofe ambiental e económica”, -máxime tras a contundente contestación social en todos os concellos afectados con independencia da cor política-, transvase que xa foi desbotado pola Xunta de Feijóo en 2012 admitindo o acto impacto ecolóxico. A outra cuestión prioritaria da iniciativa, abordar de inmediato un plan de investimentos para modernizar a rede de abastecemento de Vigo e dos concellos da comarca, xa que ten  as tubaxes deterioradas e obsoletas provocando perdas de ata o 30% da auga.

“Hai problemas nos 27 quilómetros de tubaxe e o propio concello de Vigo advertiu fai catro anos deste situación reclamando obras para modernizar unha rede obsoleta e anticuada que mesmo da problemas na calidade de auga, como se viu en algunhas parroquias viguesas como Canido”, indicou Bará, quen tamén incluía na proposta do Bloque a mellora inmediata da estación potabilizadora de Casal na cidade olívica.

A pretensión do Bloque con esta proposta é aplicar “actuacións integrais, fora dos parches, desbotar o transvase e apostar por un plan de investimentos para mellorar a rede en Vigo, plan que ten que ser compartido pola Xunta e polo Concello para mellorar a eficiencia da rede de abastecemento de Vigo e concellos da comarca, para corrixir roturas e fugas da rede”. Igualmente, como terceiro punto,  a modernización da planta potabilizadora do Casal.

A Xunta debe abandonar a confrontación e apostar pola colaboración porque se trata de cuestións de país como a ordenación da auga, a preservación dos ríos e garantir  abastecemento de auga de calidade a Vigo e aos concellos da comarca como Soutomaior, Redondela, Vigo, Porriño, Moaña e Cangas.

Pacto social pola auga

“Este non é un problema que afecte só a Vigo e a Xunta ten que implicarse na solución, non ten que ir a unha guerra partidista nin a unha guerra entre institucións porque iso é o que levan facendo nos últimos anos, confrontar pola área metropolitana, polo transporte, polo tema das Cies, polo abastecemento, Xunta e concello. Séntense a falar e cheguen a acordos” en beneficio da veciñanza, instou Bará.

O deputado aproveitou a intervención para recoñecer “a loita social exemplar na defensa do río Verdugo” e  deixou no debate a reflexión sobre a necesidade dun gran pacto social pola auga, “para falar de aforro, sustentabilidade, racionalización do consumo, revisión da estrutura tarifaria, diferenciar uso industrial do doméstico e seguir exemplos como os que en Pontevedra permitiron reducir as perdas de auga na rede a menos dun 5%”.