O BNG confía que o informe negativo de Medio Rural paralice os plans mineiros en Mesía

Mini e Noa Presas
Mini e Noa Presas
  • Rivas espera que os proxectos de ERIMSA para Frades, Oroso e Ordes teñan igual resultado a favor de preservar as terras agrarias

O deputado pola Coruña Xosé Luís Rivas considera un primeiro paso na boa dirección o informe negativo da Consellería de Medio Rural en relación á petición de explotación mineira formulada pola empresa ERIMSA no Concello de Mesía, explotación de seixo que daría ao traste con 90 postos de traballo directos en 26 granxas, e afectaría tamén á Casa Grande de Xanceda, con selo ecolóxico e que destaca polos seus produtos de alto valor engadido.

Rivas valora como esperanzador este primeiro informe negativo, confirmado pola Xunta na Comisión de Medio Rural, á espera de coñecer o seu contido.

“Estamos a falar dunha minería neocolonial, do século XIX meramente extractiva que dana e non repara e que non deixe valor engadido ningún, extráese o seixo e así se manda fora, neste caso a Noruega, onde multiplica por mil o seu prezo”, indicou Rivas, “estamos a falar que se levantaría terra ata 3 metros de profundidade con maquinaria moi pesada para extraer ese mineral, afectando aos acuíferos e inutilizando a terra para uso agrario”, denunciou.

“Se estamos na lexislatura do medio rural, como anuncia a propaganda oficial, o que pedimos é un apoio ao rural, se hai explotacións mineiras solicitadas teñen que facerse con rigor e estender o beneficio á poboación”, alegou. O deputado tamén advertiu das presións que está a exercer a empresa ERIMSA “casa por casa” para facerse coa explotación das terras.

Ata agora, a explotación de seixo eran en base a acordos pactados entre a empresa e os propietarios, algo que mudaría se a Xunta accedese a darlle as concesións que pide a mineira, o que lle permitirían explotar as terras durante un período de ata cincuenta anos e mesmo recorrer ao mecanismo da expropiación.

 “Demostren que militan en Galiza e que, desta vez si, será o ano do medio rural”, concluíu o deputado pola Coruña.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG