Galegas 2016

O BNG comprométese a fomentar os mercados municipais e os centros comerciais abertos fronte ao modelo de grandes superficies

  • Noa Presas avanza que o BNG proporá un plan sectorial de equipamentos comerciais que inclúa peonalizacións do entorno dos mercados.

“O BNG comprométese a fomentar os mercados municipais e os centros comerciais abertos fronte ao modelo de grandes superficies”, dixo Noa Presas esta mañá despois dun reparto informativo na Praza de Abastos de Ourense. Trátase, segundo expresou a cabeza de lista do BNG por Ourense, de impulsar un comercio de proximidade “incentivando a compra de produtos locais e relación comercial directa entre as persoas produtoras e as distribuidoras”.

Presas subliñou ademais que o BNG leva no programa a elaboración dun plan sectorial de equipamentos comerciais co obxecto de lograr unha correcta distribución territorial dos establecementos, así como a creación dunha marca xeral para os produtos galegos “que acabe coa competencia desleal que supón que produtos feitos noutros territorios se comercialicen como galegos”.

Este plan, indicou Presas, deberá contemplar tamén a peonalización de espazos no entorno dos mercados e centros abertos, así como campañas de mobilidade gratuíta nos aparcadoiros ou nas liñas de buses que comunican á poboación con eses mercados.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG