BNG e CIG reclaman un marco galego de relacións laborais baixo a premisa “nós traballamos, nós decidimos”

Unha representación da Executiva presenta á CIG as Bases Democráticas para unha nova Galiza

O BNG presentou á CIG a proposta política plasmada nas Bases Democráticas e ambas organizacións coincidiron en que un marco institucional deseñado a partir do recoñecemento de Galiza como nación permitiría mudar a actual dinámica económica e social e ter capacidade para tomar as decisións que afectan ao país desde o propio país, mellorando a vida da clase traballadora e da maioría social.

Como exemplo, Bloque e CIG reclaman  un marco galego de relacións laborais baixo a premisa “nós traballamos, nós decidimos” que, aseguran, melloraría as condicións laborais e evitaría que desde Madrid a patronal impoña, en detrimento dos acordos pactados en Galiza, convenios colectivos que prexudican a clase traballadora galega.

“Estamos ante unha recentralización e un roubo de dereitos moi prexudicial para o noso país, e pese a propaganda oficial da saída da crise a taxa de paro medrou catro puntos desde 2009, a poboación activa caeu en 81.000 persoas, tres veces máis ca media estatal, e temos unha taxa de actividade menor ca media”, indicou a portavoz nacional, Ana Pontón, tras o encontro dunha representación da Executiva nacional coa dirección da CIG, encabezada polo secretario xeral, Paulo Carril.

Como consecuencia, “un incremento das desigualdades e da pobreza con milleiros de traballadores e traballadoras que cobran menos do salario mínimo interprofesional, no que teñen moito que ver os convenios colectivos que se impoñen desde Madrid”, subliñou Pontón, quen chamou a atención sobre o feito de que sigan en vigor as contrarreformas laborais pese a que o PP non ten maioría absoluta no Congreso.

REUNION BNG E CIG 2A proposta política das Bases Democráticas “nos permitiría blindar un marco galego de relacións laborais e unha carta de dereitos sociais avanzados que de facto bote por terra todas as contrarreformas e roubos de dereitos dos últimos tempos. As Bases Democráticas queremos que contribúan ao empoderamento de Galiza e que sexan un punto de inflexión na dinámica económica e social do país”, argumentou Pontón.

A recente negociación das traballadoras de Bershka, do sector provincial da construción en Pontevedra ou as negociacións que se aveciñan para o cadro de persoal do Banco Pastor son exemplos citados pola CIG da importancia de ter un marco galego de relacións laborais para evitar imposición desde Madrid, e mesmo que se exclúa dunha negociación aos representantes laborais dos centros de traballo de Galiza, como pode pasar co caso do Pastor na Coruña.

Prestige e corrupción

As Bases Democráticas son presentadas polo BNG como un punto de partida para un debate político e social que dea a Galiza un novo deseño institucional superando o marco herdado do fracasado réxime do 78. É tamén, en palabras de Pontón, unha vía “para deixar atrás a corrupción dun Estado gobernado por un partido corrupto, corrupción que non só afecta ao PP senón ao afecta tamén ás elites económicas e xudiciais e á monarquía”.

Pero a corrupción non está só no caso Gürtell ou Lezo, a dirixente do Bloque salientou que tamén é corrupción “ver como 15 anos despois do Prestige, non hai responsables máis aló do capitán do barco e quenes tomaron as decisións que converteron o accidente nunha traxedia non pagaron polo dano feito, mesmo foron recompensados polas súas organizacións políticas”, indicou.

Para Pontón tamén é corrupción “ter un marco legal que permite aos causantes da maior catástrofe ecolóxica do país, non pagar na práctica o que deberían por ese caso de contaminación”.

Contidos clave

As Bases Democráticas establecen a idade de voto nos 16 anos, referendos vinculantes se o solicita o 3% do censo electoral e revocar cargos públicos electos implicados por corrupción. Por lei participación e representación paritaria, garantías constitucionais ao exercido dos dereitos sexuais e reprodutivos, singularmente o da muller a decidir libremente sobre o seu corpo. Queda recoñecido por lei o dereito das mulleres a unha vida sen violencia de xénero.

No ámbito dos dereitos laborais e sociais, renda social básica que garanta unhas condicións de vida dignas, carta de dereitos sociais avanzada, xestión directa da Seguridade Social e garantía das pensións de xubilación. Blindaxe dos servizos públicos, en particular, saúde, educación e servizos sociais.

En materia económica e de emprego: Facenda galega e política fiscal e financeira propia, decisión plena para desenvolver os sectores produtivos e xestionar os recursos do país, banca pública, tarifa eléctrica galega e capacidade para emitir débeda pública. Clave o recoñecemento da lingua e outros sinais de identidade.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG