O BNG celebra o 17M cunha campaña para animar á xente moza a usar o galego nas redes sociais

O BNG celebra o 17M cunha campaña para animar á xente moza a usar o galego nas redes sociais
  • Lanza un vídeo baixo o lema Aos prexuízos, sácalles a lingua con motivo da conmemoración do Día das Letras Galegas
  • Pontón insta a Feijóo a deixar atrás a súa “hostilidade” contra o galego e propón crear unha canle pública específica para público infantil e xuvenil

O galego é a única lingua do Estado que perde falantes en particular entre a mocidade. Neste contexto, o BNG lanza unha a campaña con motivo do Día das Letras Galegas especialmente dirixida ao colectivo de xente moza e centrada no que, a día de hoxe, é o seu espazo de comunicación de referencia: as redes sociais e aplicacións móbiles como whatsapp.

Baixo o lema Aos prexuízos, sácalles a lingua, o Bloque plasma nun vídeo a súa mensaxe animando á xente moza a usar o galego sen ningún tipo de complexo tamén nas súas redes sociais, superando tópicos e lugares comúns.

“Convidamos á xente moza a sumarse á rebeldía do galego, sen prexuízos, para que sexan o motor da recuperación do noso idioma, que sexan protagonistas no proceso de normalización da lingua”, explicou a portavoz nacional, Ana Pontón, “e o facemos nun ámbito que, aínda que todos o usamos, é un espazo de comunicación da xente nova”.

O uso das redes sociais é incontestable, como demostran os datos do Consello da Cultura Galega: Cada día compártense máis de 60.000 millóns de mensaxes de whatsapp en todo o mundo, máis de 1.500 persoas usan facebook e 943 millóns acceden a diario a esta rede social mentres que, cada mes, 500 millóns de persoas usan instagram.

Pontón salientou a “vitalidade” do galego nas redes socias, que ocupa o lugar número 26 na lista de linguas máis usadas en internet, dato significativo tendo en conta que hai censados 6.000 idiomas diferentes. “Hai un importante número de galegos e galegas que usamos o noso idioma, pero é evidente que temos aínda moito potencial”, indicou.

A portavoz nacional salientou que nas redes sociais, -como se recolle no vídeo-, reprodúcense co galego prexuízos similares aos que se dan noutros contextos,  como o económico, xudicial ou académico, “que lastran o uso do noso idioma, por iso nesta campaña convidamos á xente moza dun xeito alegre e desacomplexado a utilizar o galego, deixando atrás os prexuízos”.

Ademais da campaña do BNG, Pontón presentou as medidas do Bloque a favor do galego. É preciso, dixo, un cambio de rumbo na política lingüística da Xunta “para empezar precísase que Feijóo deixe atrás a súa hostilidade sen precedentes contra o galego, foi o primeiro presidente en aprobar normas contra a propia lingua e fixo retroceder o proceso de normalización”, criticou a portavoz nacionalista.

Neste sentido, Pontón denunciou a “asfixia económica” do Executivo galego coa lingua cun recorte de 100M€ para normalización lingüística. “Así é imposible avanzar no uso do idioma que precisa apoio e estímulo, pero recibe recortes”, alegou. “Animamos á Xunta a que abandone as hostilidades contra o idioma, que abandone a súa política rancia contra o galego e que se sume a unha política de integración que lle permita ao noso idioma ganar posicións”.

Debuxos e series en galego

O Bloque formula dúas propostas concretas a favor do galego focalizadas na xente moza no ámbito do ensino e no ámbito audiovisual. Non primeiro caso, unha nova política lingüística no ensino “integradora”, que garanta que todos os mozos e mozas teñan o mesmo coñecemento e manexo do galego e do castelán.

E, en segundo lugar, crear na televisión pública unha canle específica para o público infantil e xuvenil con programación de calidade que aporte referentes modernos e actuais en galego ás novas xeracións, a través de produtos como os debuxos animados ou as series de televisión.

Pontón fixo un chamamento a participar na manifestación do 17M no Día das Letras: “Animamos a que haxa miles de galegos e de galegas defendendo a lingua cun sorriso nas rúas de Compostela”, concluíu.