O BNG busca un acordo para sancionar a AUDASA, frear a eucaliptización e investigar a Villar Mir

Xunta de Portavoces 30 maio 2017
Xunta de Portavoces 30 maio 2017
O BNG busca un acordo para sancionar a AUDASA, frear a eucaliptización e investigar a Villar Mir
  • Por transparencia e responsabilidade hai que investigar as concesións públicas do empresario imputado

A portavoz nacional do BNG avanzou que na vindeira sesión plenaria, o BNG buscará un acordo parlamentario para “sancionar a AUDASA”.  A nacionalista  explicou que a concesionaria da AP-9 ofrece un “servizo de terceira” que cobra como un servizo de calidade e  “cunha estafa legalizada de peaxes”.

Pontón lembrou que as obras de ampliación da AP-9, o mal servizo e perigosidade da infraestrutura fan necesario implementar medidas ante os continuos atascos polo que avanzou que o BNG proporá establecer un protocolo para “levantar as barreiras cando se produzan retencións de, mínimo, un Qm e rebaixar as peaxes”.

A nacionalista cualificou de “escandaloso” que a estas alturas e o proceder de AUDASA cos e coas usuarias,  as administracións galega e central aínda non iniciaran ningunha sanción e advertiu que  os atascos producidos nos últimos meses incrementaranse  no período estival, como xa  ven sendo habitual nos últimos anos.

O BNG QUERE  UNHA  POLITICA  FORESTAL CONTRA A MASIVA EUCALIPTIZACIÓN

Na súa comparecencia, trala xunta de Portavoces, Pontón anunciou que o BNG preguntará a Núñez Feijóo polas medidas da Xunta cara un novo modelo forestal que poña coto a masiva eucaliptización. A portavoz do BNG afirmou que a actual política forestal do Goberno galego “é un fracaso” e sáenos moi cara en termos sociais, ambientais  económicos. Neste sentido, engadiu que “o monte galego está descontrolado e hai que frear o proceso de eucaliptización apostando por madeiras autóctonas e de calidade para pechar o ciclo produtivo da madeira”.

Ademais, e   segundo os últimos datos avalados polos estudos do catedrático de Bioloxía e Xeoloxía da USC, Ramón Valera,  a superficie de eucalipto en Galiza ascende a 600.000 hectáreas, “ 230.000 hectáreas máis das  previstas para o ano 2023”.

En Galiza producimos o 58% da madeira do Estado  pero ” só transformamos aquí o 20% da madeira serrafa, 30% dos taboleiros e chapas e o 1% da pasta de celulosa”.

Desde o BNG, dixo, propoñemos medidas urxentes  para  prohibir as plantación de eucalipto Nitens, especie declarada  invasora e perigosa para a biodiversidade,  apostar polas madeiras autóctonas,  recuperar terras agrarias e ir  reducindo progresivamente a superficie ocupada por eucalipto, establecendo incentivos para poñer  en marcha axudas  e vantaxes fiscais na  repoboación  de madeiras autóctonas. O modelo forestal proposto polo BNG convertería ao monte nun motor económico e axudaría a combater os lumes.

POR TRANSPARENCIA E RESPONSABILIDADE HAI QUE INVESTIGAR AS CONCESIÓNS PÚBLICAS  DE VILLAR MIR

Entre os debates que o BNG defenderá no pleno figura a creación dunha comisión de investigación  sobre  as concesión públicas de Villar Mir. Reclamamos, anunciou Pontón,  unha   comisión para  investigar as autorizacións,  contratos, concesións e  todas as relacións do Grupo Villar Mir co sector público galego así como o seguimento, análise e investigación do intento de venda e segregación  das centrais dos ríos Xallas e Grande.

“Quen non ten nada que ocultar non debe temer a unha comisión de investigación ” cuxa creación comparte o grupo parlamentario de En Marea polo que a portavoz do BNG fixo un  un chamamento ao Partido popular e PSdeG apoiar esta comisión en aras da “responsabilidade e transparencia”.