GALEGAS 2016

O BNG asume as demandas dos traballadores dos servizos contra incendios

Noa con representantes do Comite de Empresa do Servizo Público de Defensa contra os Incendios Forestais
Noa con representantes do Comite de Empresa do Servizo Público de Defensa contra os Incendios Forestais
O BNG asume as demandas dos traballadores dos servizos contra incendios
  • Noa Presas comprométese a impulsar a partir do luns unha mesa con todos os sectores implicados para mudar o modelo de extinción de incendios en Galiza
  • Os brigadistas advirten da urxencia de revisar o modelo porque os lumes mesmo están a influír no clima

Despois de dúas reunións esta mesma semana con representantes do Comité de Empresa do Servizo Público de Defensa contra os Incendios Forestais, por un lado, e con representantes dos traballadores do SEAGA, por outro, o BNG comprometeuse a asumir as demandas dos traballadores, tanto as que se refiren a mellora das condicións laborais como as que inciden na necesidade de mudar o modelo de loita contra o lume.

Noa Presas, número 1 da candidatura do BNG por Ourense ao Parlamento galego, explicou aos representantes dos traballadores do servizo público -acudiron á xuntanza todas as centrais que están no comité: CC.OO., CIG, CSIF e UXT- que a proposta do BNG para unha nova xestión do monte inclúe “a constitución dun dispositivo único, público e autonómico” de loita contra os incendios.

Noa Presas sinalou que o BNG aposta por “un mando único” neste dispositivo, pero tamén subliña que “o novo modelo forestal debe pasar por unha mellora da prevención do lume nos montes”. Presas fixo súa a proposta dos sindicatos de abrir unha mesa de diálogo despois das eleccións na que se fale tanto da reorganización e unificación do servizo público e do que presta o SEAGA como das novas esixencias para o dispositivo de extinción derivadas das novas tipoloxías de incendios. Os traballadores advertiron á candidata que estas novas tipoloxías de lumes mesmo están a influír no clima, o que alimenta a proliferación de incendios.

Pola súa parte, o número 4 da candidatura, Ángel Amaro, e a ex parlamentaria por Ourense, Tereixa Paz, quen durante as tres últimas lexislaturas fiscalizou desde o seu escano a política de montes da Xunta, recibiron a unha representación dos traballadores do SEAGA. O BNG asinou con eles un triplo compromiso: aumentar o tempo de traballo deste servizo progresivamente de 3 a 9 meses; revisar o sistema de listas; e garantir o dereito a percibir axudas fóra da campaña de verán.

“A Feijóo e ao PP nin lles preocupan os montes nin a xente que vive nas aldeas nin os traballadores do dispositivo contra os lumes”, asegurou Noa Presas na xuntanza cos sindicalistas, “para Feijóo e o PP só se trata dun negocio máis”. A candidata considerou “moi grave e irresponsábel” que non se atendan as advertencias dos traballadores respecto do cambio nos lumes e a súa incidencia sobre o clima.