O BNG asiste como forza internacional convidada ao 1° Congreso constitutivo de EH Bildu

Bildu
Bildu

A Coordinadora de Relacións Internacionais do BNG e portavoz europea Ana Miranda asiste este sábado, no Palacio Euskalduna de Bilbo, ao congreso co que EH Bildu culmina o proceso constituinte da formación após un período de participación popular en que celebrou asambleas e  reunións informativas por todo o territorio de Euskal Herria. 

Cinco anos despois de presentarse en público, a coalición culmina baixo o lema "Sumar para avanzar" a súa estruturación como forza política, escollendo unha dirección executiva de 22 membros máis a secretaría xeral, que pretende dar maior celeridade e axilidade  á toma de decisións e desenvolvemento da liña política. A proposta política de EH Bildu plásmase neste congreso nun programa de avance social, soberanismo, paz, democracia e internacionalismo. 

Ana Miranda transmitirá en nome da Executiva Nacional do BNG o afecto, solidaridade e cooperación que manteñen ambas forzas políticas, consolidado na coalición europea "Os Pobos Deciden", que acadou un escano europeo na actualidade exercido por EH Bildu e que a partir do ano vindeiro rotará para o tempo que lle corresponde ao BNG no Parlamento Europeo. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG