O BNG apoia a corresponsabilidade na crianza d@s fill@s e rexeita a custodia compartida “imposta”

Olalla Rodil
Olalla Rodil

Vota en contra da Iniciativa Lexislativa popular que abre a porta á custodia en situacións de malas relacións e ofrece unha imaxe “inexistente” dunha sociedade igualitaria

A deputada do BNG, Olalla Rodil anunciou  hoxe o voto en contra á Iniciativa Lexislativa Popular argumentando que xa está “regulada” cando existe un acordo entre as persoas proxenitoras e  porque a proposición defendida hoxe pola Plataforma pola custodia compartida é impositiva e  ofrece a imaxe dunha sociedade presuntamente “igualitaria”.    

Neste sentido, explicou que a pretendida igualdade de dereitos e obrigas entre nais e pais  supón obviar, ou directamente suprimir, do debate unha peza chave para entender a actual sociedade.O modelo que propón a lei,  impón  como “solución salomónica”  a custodia compartida das crianzas sen atender  “ ao contexto histórico e social e aborda  a custodia das fillas e fillos de maneira uniforme, á marxe da situación real que atinxe a moitas mulleres e homes”.

CORRESPONSABILIDADE FRONTE Á CUSTODIA COMPARTICA IMPOSTA

Vivimos en  2017, en pleno século XXI nun contexto de “discriminación e violencia” exercida contra as mulleres polo simple feito de selo. Violencia que adquire múltiples e diversas formas e que en moitos casos nin é visíbel, nin se denuncia. Noutros nin sequera se considera violencia de xénero. Unha realidade na que os homes, como reflicten os datos,  non asumiron aínda a responsabilidade nin se implicaron na práctica o suficiente nos coidados, tampouco mentres existe convivencia na parella.

Sirva de exemplo, dixo Rodil,  a inmensa maioría das solicitudes de redución de xornada para desenvolver esa tarefa coidadora en crianzas e tamén en persoas adultas dependentes, son  solicitadas por mulleres. Máis do 70% das reducións de xornada. Un feito que pon en evidencia dúas cuestións: a pervivencia e reprodución do rol tradicional e  patriarcal de muller-nai-coidadora e, doutra, a “feminización da pobreza” porque “a redución de xornada en situacións de convivencia recae maioritariamente sobre o salario máis baixo. O dela.”

A corresponsabilidade, a implicación de ambas as dúas persoas proxenitoras na crianza dos fillos e a equiparación de dereitos e obrigas debe facerse  visíbel desde o comezo e non “a golpe de sentenza xudicial”, recalcou

Compartir  a custodia das crianzas exixe un altísimo grao de cooperación entre as persoas proxenitoras e os    coidados,  educación e benestar das nenas e nenos deben ser consensuados. Desde o BNG cremos que a custodia compartida debe, pois, ser máis un modelo posíbel cando así o acordaren “voluntaria e libremente as persoas implicadas” e non  como norma xeral.

Por iso  defendemos que é preciso adoptar máis e mellores medidas de co-educación e  co-responsabilidade dirixidas ao conxunto da poboación e un maior protagonismo a  Educación como parte fundamental dunha sociedade que non discrimine e  impoña roles, por razón de xénero. É así como se equiparan responsabilidades e dereitos. E por suposto garantir “a mediación, o acompañamento e o asesoramento legal e psicolóxico ao longo de todo o proceso de separación”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG