O BNG alerta dun “agosto negro” polos lumes en Ourense

Noa Presas
Noa Presas

A deputada por Ourense Noa Presas solicita que a Xunta dispoña de xeito inmediato de máis medios para loitar contra os incendios na provincia ourensá, que nestes momentos soporta un lume que xa devorou 1.200 hectáreas en Verín e concellos limítrofes, no que se chegaron a vivir situacións que trouxeron á memoria o mortífero incendio de Portugal.

A parlamentaria advirte contra un “agosto negro” en Ourense e lembra que o Bloque reclamou máis medios fai apenas uns días alertando do que podía pasar, dixo, tras transmitir o apoio de Bloque a todas as persoas afectadas e o recoñecemento ás brigadas contra o lume.

“Quero transmitir o apoio a todas as persoas afectadas polo lume nos concellos de Verín e de Vilardevós, e o noso agradecemento a todas as persoas que están participando nas brigadas de extinción do lume que están a facer un traballo ímprobo para acabar co incendio que é o que toca agora mesmo”, salientou Presas.

Pero ao minuto seguinte de que as lapas estean apagadas “hai que sentarse e avaliar a situación”, indicou, tras salientar que fai apenas uns días o Bloque reclamaba máis medios “solicitando un reforzo nos medios materiais e humanos do dispositivo porque os lumes da pasada semana no que arderon máis de 300 hectáreas alertaban xa dun agosto negro”.

Igualmente, a deputada nacionalista volveu reclamar un Plan específico para Ourense de loita contra os incendios.

“Ourense ten unhas condicións diferenciadas como é o abandono dunha parte moi significativa do seu territorio que está, literalmente, a monte”, indicou, “ademais das condicións meteorolóxicas adversas caracterizadas polas altas temperaturas”, alegou, “aínda que este verán por fortuna foron ata agora máis moderadas”.

As máis de 1.200 hectáreas queimadas na comarca de Monterrei confirman “por un lado que é imprescindible reforzar os medios materiais e humanos do dispositivo e, por outro, que é imprescindible dotar dun plan específico de actuación ao territorio de Ourense porque non podemos permitir que, verán a verán, vexamos lumes con esta cantidade de hectáreas queimadas e con estes riscos para a poboación”, concluíu.

 

 

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG