O BNG advirte de máis problemas no transporte público no mes de setembro co comezo do curso escolar

Noa Presas e Luís Bará rolda de prensa transporte público
Noa Presas e Luís Bará rolda de prensa transporte público

Pide unha auditoría dos criterios para a concesión das liñas e denuncia “trato de favor” ás empresas adxudicatarias

Os  deputados do BNG, Noa Presas e Luís Bará cualificaron de “chapuza técnica” o novo plan de transporte público. Para o deputado por Pontevedra, Luís Bará, “estamos vivindo o preludio do caos” que se producirá no mes de setembro co comezo do curso escolar.

 Bará afirmou que o novo plan de transporte público caracterízase “pola improvisación  e falta de diálogo cos diferentes axente relacionados cos concellos” que derivou en contratos licitados con moitas carencias e erros. Neste sentido, lembrou que o BNG xa denunciou os problemas coas liñas e horarios. Por outra parte asegurou que o transporte escolar  inxerido no transporte regular de viaxeiros xa deu lugar a numerosas reclamacións que serán resoltas nos tribunais de xustiza.

Dende o BNG, dixo Bará, consideramos que todo este proceso só ten unha xustificación, a “existencia de intereses ocultos e de beneficiar a grandes empresas”, as únicas con posibilidades de presentarse aos contratos mesmo en forma de UTEs.

 A día de hoxe, engadiu  “non se fixeron públicos os contratos, as adxudicacións nin as baremacións”, o que ao seu xuízo, é unha mostra máis  da “falta de transparencia” polo que o BNG xa solicitou no Parlamento galego a documentación, unha documentación, explicou Bará, que   debería figurar na propia páxina web da Xunta  en aras da lei de transparencia da que tanto presume o Partido popular.

O pasado luns, explicou o deputado foron asinados os contratos coas novas empresas de transporte e dous días máis tarde entraban en vigor creando un “cúmulo de problemas” pola posta en marcha de novas liñas e redución de servizos e paradas sen previo aviso. Son innumerables os problemas detectados en Moaña, Cangas, Pontevedra, Marín, O Grove, Vilagarcía e Cambados derivados das  novas liñas  e a “liberdade ás empresas” para retornar aos servizos  anteriores aos novos contratos incumprindo as propias ofertas das empresas para as licitación. Isto, manifestou Bará, parécenos “moi grave”

O deputado denunciou que as empresas licitaron  novos contratos “a baixa” impedindo a subrogación dos traballadores e traballadoras polo que fixo un chamamento á Xunta para elaborar un novo plan de transporte contando cos axentes implicados.

O BNG PIDE UNHA AUDITORIA DOS CRITERIOS PARA AS CONCESIÓNS

 Pola súa parte, a deputada por Ourense, Noa Presas afirmou que as condicións demográficas de Lugo e Ourense están a crear graves problemas de mobilidade, sobre todo cando serán as propias empresas as que fixen os servizos e horarios. A parlamentaria  recalcou que o BNG pedirá “unha auditoría dos criterios utilizados para as novas concesións” porque é “un  disparate” que unha persoa que acuda dende Trives  ao hospital de Valdeorras deba saír  as 7 da mañá e retornar  as 7 da tarde, “12 horas despois”. Os criterios “non foron racionais nin atenden ás necesidades das persoas usuarias” polo que reiterou que o BNG solicitará unha “auditoría sobre os criterios para outorgar as concesións”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG