O BNG acada un acordo para mudar a relación comercial entre distribuidoras e quioscos

Luís Bará e Noa Presas na Comisión de Industria
Luís Bará e Noa Presas na Comisión de Industria

A proposición non de lei nacionalista, aprobada por unanimidade, demanda un novo marco da relación comercial para poñer fin á conflitividade polo abuso de prácticas monopolistas no sector  

O BNG acada un acordo para mudar a relación comercial entre distribuidoras e quioscos

O deputado do BNG, Luís Bará defendeu hoxe  unha proposición non de  lei,  aprobada por unanimidade na comisión de Industria, na que demanda do goberno do Estado un novo marco para as relacións comerciais entre as distribuidoras e editoras e os vendedores e vendedoras de prensa escrita e revistas, atendendo as súas particularidades e para resolver o conflito provocado polo  abuso de posicións de dominio e prácticas de “tipo monopolista” das empresas distribuidoras.

O parlamentario explicou que a distribución de prensa implica a tres operadores: as empresas editoriais, empresas de distribución e o tecido comercial. En Galiza, dixo, existen na actualidade 2.600 puntos de venda de prensa pero dende hai anos este sector padece “practicas monopolistas”  por parte das distribuidora, circunstancia que está a comprometer a “viabilidade económica” e mesmo obriga a que cada ano “pechen unha media de 100 quioscos ao día”.

O deputado salientou que as empresas distribuidoras operan “case en exclusividade”, tanto para as publicacións como no ámbito territorial e impiden que os puntos de venda poidan optar a outra empresa. Esta relación, afirmou, “prexudica gravemente á parte máis feble da cadea”.

Bará trasladou ao Parlamento as denuncias do sector e a súas demandas entre as que destacou: a imposición de publicacións por parte das distribuidoras, pagamento por anticipado, independentemente das vendas e  o pagamento polos portes.

O deputado do BNG agradeceu o apoio de todos os grupos parlamentarios á iniciativa nacionalista para reclamar un novo marco de  relación comercial entre distribuidoras, editoras e puntos de venda de prensa escrita e revistas.