O BNG acada un acordo para cambiar a lei de traballadores/as do mar

Montse Prado na Comisión de Pesca
Montse Prado na Comisión de Pesca

A deputada do BNG lembrou ao percebeiro Paco Souto  e reclamou presentar un recurso no ISM  para recoñecer  con  “carácter retroactivo” os dereitos de familiares que sufriron a perda dalgún membro nun tráxico suceso no mar

A deputada e portavoz de pesca do BNG, Montse Prado lembrou hoxe ao percebeiro Paco Souto que perdeu a vida tras un tráxico accidente cando se atopaba desenvolvendo a súa actividade en Razo, Carballo e reclamou incluír nas prestacións asistencias de traballadores do mar, a “percebeir@s, redeiras e mariscadoras” ademais de  presentar un recurso ante o ISM para que sexan recoñecidos, “con carácter retroactivo” os dereitos dos familiares que sufriron a perda dalgún membro nun tráxico suceso no mar.

A  proposición non de lei defendida por Montse Prado na comisión de Pesca  acadou o apoio unánime para que o Parlamento inste ao goberno galego a esixir do Goberno do Estado modificar a actual lexislación que regula a concesión de prestacións asistenciais para traballadores do mar coa inclusión de “percebeir@s, mariscadoras e redeiras e outros casos que non realicen a súa actividade a borde de embarcacións”.

A parlamentaria agradeceu o apoio do resto das forzas políticas, á proposta nacionalista para mudar unha lexislación que “ignora por completo a realidade dos traballadores/as do mar en Galiza”. Prado lembrou as recentes mortes dos últimos anos entre os que destacou,  á percebeira de Oia, Mercedes Veiga  e o percebeiro Paco Souto, cuxos familiares tras presentar solicitude para a prestación asistencial por falecemento, esta foi  denegada baixo a argumentación dun “falecemento non producido a bordo dunha embarcación”.

Para a deputada, “esta denegación”, evidencia o desamparo deste colectivo polo feito de non estar embarcados polo que amosou o seu convencemento en que o acordo parlamentario acadado hoxe, tras unha transacción co grupo popular, poña fin definitivamente a unha situación que discrimina a un gran número de traballadores e traballadoras do mar.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG