Os ataques ao monumento "A Volta da Moura" en homenaxe ás vítimas do franquismo non poden quedar impunes

Monumento "A Volta da Moura"
Monumento "A Volta da Moura"

Luís Bará pide que á Xunta que non dificulte os traballos de persoas e asociacións que loitan polo recoñecemento das vítimas do Franquismo

O deputado por Pontevedra Luís Bará trasladou ao Parlamento os ataques contra o monumento de homenaxe ás vítimas do franquismo A Volta da Moura, situado entre os concellos de Tui, O Porriño e Salceda de Caselas, e pide que se condenen e se investiguen eses ataques, “nos que foi destruída a placa cos nomes das persoas asasinadas e pintado o monolito”.

Un acto que Bará cualificou de “covarde e miserable co propósito de sementar o desprezo contra persoas honestas e ideais democráticos”.

O deputado exixiu a  condena deste feito ao tempo que demandou do Goberno que non dificulte o labor das asociacións e persoas que traballan polo recoñecemento  das vítimas do franquismo. Neste sentido, Bará defendeu unha proposición non de lei para   “condenar de maneira firme” os ataques ao monumento “A Volta da Moura” que homenaxea “ás vítimas do terror franquista e a súas familias”.

No debate da proposta nacionalista, Bará reclamou do Goberno galego dirixirse á delegación do Goberno do Estado para “investigar e perseguir ás persoas e organizacións responsables dos ataques que fomentan o odio contra os ideais democráticos”. Igualmente, o deputado redactor do texto para unha Lei galega da memoria histórica que ultima o BNG solicitou a creación dunha rede de lugares da memoria histórica galega, “como espazos simbólicos da dignidade das vítimas”

Bará criticou que o PP leva anos votando en contra das medidas, leis, normas e programas impulsados para a recuperación da memoria histórica e condena do Franquismo. Unha “permisividade” como á que demostra ante as declaracións e posturas da Fundación Franco ou coa súa falta de iniciativa política contra o espolio do patrimonio de Galiza que, 40 anos despois do fin da ditadura, aínda está en mans da familia Franco, como o Pazo de Meirás, a Casa de Corónide os as esculturas do pórtico da Gloria da Catedral de Santiago.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG