Aprobada no Parlamento unha iniciativa do BNG para garantir unha condicións dignas de traballo en Rande

Obras de ampliación en Rande (Foto: CIG)
Obras de ampliación en Rande (Foto: CIG)

Luís Bará lamenta que o PP e a Xunta só reaccionasen tras o fatal accidente laboral que custou a vida a un operario

O Parlamento aprobou en comisión a proposta do BNG pola que se reclama a intervención do Goberno galego para que, no seo da comisión bilateral da AP9 Xunta e Ministerio de Fomento, se adopten as medidas para garantir condicións de traballo dignas nas obras de ampliación da Ponte de Rande.

Esa petición inclúe xornadas laborais legais, salarios cando menos segundo o convenio colectivo e garantías de que o traballo se realice cun cumprimento estrito de todas as medidas de seguridade. Con este proposta aprobada na Cámara o Bloque espera poñer fin as condicións laborais “de explotación” nestas obras de ampliación, pese a que o contratista é unha administración pública, en concreto o Ministerio de Fomento.

O deputado por Pontevedra e responsable da iniciativa, Luís Bará, congratulouse polo apoio de todos os grupos pero lamentou a tardanza en tomar nota das denuncias sindicais e do propio BNG sobre as condicións ilegais nas que se viña traballando nesa obra. “Lamentamos que o PP e a Xunta só reaccionen despois de terse producido un fatal accidente laboral que custou a vida dun traballador”, denunciou.

Na súa intervención, o deputado salientou as condicións denunciadas polos sindicatos, cos operarios sometidos a xornadas de ata 12 horas e salarios de 8 euros hora. “Unha situación de explotación laboral posible pola desprotección das sucesivas reformas laborais, que conlevan precariedade e baixos salarios coa coartada da crise”.

Estas condicións de explotación supoñen, ademais, unha fraude para as arcas públicas e a perda de numerosos empregos, “xa que por cada 2 traballadores con xornada de 12 h podería crearse un posto de traballo”, argumentou Bará.

A ampliación da ponte de Rande “é unha obra de grande impacto económico e social”, con consecuencias no tráfico e na afectación da contorna, especialmente nas parroquias de Trasmañó e Chapela (Redondela), xa que a  actuación afecta a un tramo de 5,9 quilómetros e inclúe o desdobramento da ponte, pola que pasan unha media de 50.000 vehículos/día.

Dragados e Puentes Infraestruturas e á UTE adxudicataria das obras de iniciativa pública en virtude dun convenio asinado no ano 2011 entre o Ministerio de Fomento e AUDASA, como concesionaria da AP9, e conta cun orzamento de 143M€ e un prazo deexecución de 23 meses.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG