Aprobada a iniciativa do BNG de conceder axudas ás autoescolas

Noa Presas
Noa Presas

Estas axudas paliarían o prexuízos causados polos recortos do PP no colectivo examinador

O Parlamento aprobou por unanimidade a proposta do BNG de habilitar medidas económicas e fiscais para evitar que ningunha autoescola teña que pechar como consecuencia das perdas ocasionadas pola folga lexitima do colectivo de examinadores, que está afogando a moitas das 500 pequenas empresas  que integran este sector en Galiza.

En concreto, a proposición non de lei defendida pola portavoz de Industria, Noa Presas, e aprobada pola Cámara recolle tres medidas concretas.

Primeira, medidas fiscais e económicas que eviten o peche de ningunha autoescola  que poden ser en forma de axudas a fondo perdido, créditos, rebaixas ou aprazamentos do pago de impostos. “Temos a obriga de buscar medidas que lle permitan a estas empresas aguantar ata que se recupere a normalidade na celebración dos exames do carné de conducir”, salientou Presas.

Segundo, reclamar unha partida concreta nos orzamentos do Estado de 2018 destinada a este sector. En palabras da deputada, “dicirlle ao ministro Cristobal Montoro que que se hai amnistías fiscais para os defraudadores hai amnistías para os autónomos afogados”. E, en terceiro lugar, reclamar as competencias en tráfico para a xestión galega, incluída a posibilidade de habilitar prazas de examinadores. “Unha xestión propia, galega e pública tería impedido chegar a este punto”, alegou a deputada.

Presas atribuíu á “incapacidade do Goberno central” que non se tivese chegado a un acordo para resolver o conflito, pero tamén reprochou a “indiferenza” da Xunta “que durante estes meses non fixo absolutamente nada, o que non é de recibo posto que é unha cuestión que afecta a miles de galegos e galegas”.

O BNG lembra que os recortes do PP reduciu nun 20% o número de persoas do colectivo examinador de tráfico, “o que empeora as condicións laborais e a prestación do servizo”, situación que debe ser corrixida tanto para darlle unha solución ás súas demandas, como polo “dramático impacto” sobre as autoescolas do país, -a maioría integradas por autónomos ou pequenas empresas de 2 a 4 traballadores-, e sobre as persoas que queren sacar o carné de conducir ás que lle supón un importante investimento.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG