Apoiamos a celebración da consulta vinculante anunciada polo presidente da Generalitat de Catalunya

Apoiamos a celebración da consulta vinculante anunciada polo presidente da Generalitat de Catalunya

Ante o anuncio do presidente da Generalitat de Catalunya, da convocatoria dunha consulta vinculante para o vindeiro 1 de outubro, o Bloque Nacionalista Galego quere manifestar:

  • Para o BNG, a posibilidade de expresar e materializar as distintas opinións políticas é un principio fundamental e imprescindíbel en calquera sociedade democrática, e a autodeterminación un dereito clave para todas as nacións do mundo, segundo o recoñecido –entre outras- na Declaración Internacional dos Dereitos Humanos e dos Pobos. Nese sentido, entendemos que nunha situación na que a maioría da sociedade catalana quer votar para decidir o seu futuro, ningún demócrata se pode opor a que se lle consulte ao pobo e se acaten os resultados. En congruencia con este principio, o BNG apoia a celebración da consulta convocada polo Goberno da Generalitat para o vindeiro 1 de outubro en Catalunya.
  • Lamentamos que goberno español se negase en banda a acordar un referendo pactado e vinculante como se teñen realizado en Escocia ou no Quebec. As principais institucións catalanas, así como diversas organizacións representativas da sociedade civil, intentaron todas as vías posíbeis para cumprir co mandato de consultar ao pobo de Catalunya a través dun referendo de autodeterminación acordado, efectivo e vinculante. Porén, o goberno de Rajoy non só respondeu con reiteradas negativas e menosprezos ás institucións e á sociedade catalana, senón que desencadeou unha escalada represiva que pasou por riba de calquera hipotética separación de poderes e chegou até o enxuizamento de diversos cargos políticos, entre eles a Presidenta e membros da Mesa do Parlamento por autorizar votacións nesa cámara.
  • O BNG reafirma e reitera a súa solidariedade coa sociedade catalana, coas forzas políticas que reclaman unha ruptura popular e un proceso constituínte, e coas institucións catalanas atacadas e ameazadas polo goberno español en base a nosa inquebrantábel defensa da democracia e o do dereito de todos os pobos do mundo a decidir libremente o seu futuro.
  • Para o BNG, ábrese un novo cenario político no estado no que Galiza non pode estar ausente. O modelo do estado das autonomías é un modelo fracasado e debemos dar pasos firmes para superalo, abrindo unha nova etapa que nos dote dun novo marco que permita mellorar a vida dos galegos e das galegas e progresar como pobo. O BNG, sabendo que cada pobo ten as súas realidades e so seus propios ritmos, comprométese a traballar activamente para lograr que Galiza sexa tamén protagonista na superación do actual marco autonómico e na consecución dun novo estatus político para Galiza baseado no exercicio de poder político real, soberanía, que nos permita aos galegos e galegas decidir libremente o noso futuro e comezar a reverter as consecuencias políticas, económicas, sociais, culturais e lingüísticas negativas que tivo para o noso país.