Ana Pontón: “A Xunta non resolve os problemas dos residuos e monta bombas ambientais”

Visita da portavoz nacional do BNG ao futuro vertedorio de Lousame
Visita da portavoz nacional do BNG ao futuro vertedorio de Lousame
  • A portavoz nacionalista visita en Lousame o lugar previsto para o futuro vertedoiro de residuos industrias e anuncia que o BNG presentará no Parlamento propostas contra esta iniciativa

A portavoz do BNG e do grupo parlamentario, Ana Pontón visitou hoxe en Lousame o lugar previsto para o futuro vertedoiro de residuos industrias. A nacionalista, acompañada do deputado, Xosé Luís Rivas, (Mini), concelleiros e concelleiras de Brión, Muros-Noia e a comarca do Barbanza, mantivo un encontro cos veciños e veciñas aos que trasladou o apoio do BNG contra a instalación do futuro vertedoiro así como a presentación de iniciativas no Parlamento galego.

A portavoz nacionalista manifestou ante os medios de comunicación que a “A Xunta está a incumprir a lexislación” depositando residuos non tratados e para desfacerse dos problemas, afirmou, crea “bombas ambientais polo territorio galego”.

Ana Pontón reiterou a oposición do BNG a novo vertedoiro de Lousame e defendeu as plantas comarcais de compostaxe como modelo de xestión sustentable de residuos que poderían crear 2.000 empregos en Galiza. Todos son vantaxes e o que non entendemos, dixo, e que a Xunta non faga nada ante un problema tan grave.

Para a portavoz nacional do BNG, as condicións do terreo previsto para o futuro vertedoiro non son adecuadas pero quizais o máis grave, recalcou é que calquera problema de contaminación que se produza no futuro vertedoiro pode afectar a auga para o consumo dos veciños e veciñas, non só deste lugar, senón tamén de Noia. Dende o BNG imos apoiar todos os movementos sociais que se opoñen a este vertedoiro igual que nos opoñemos ao modelo SOGAMA posto en marcha polo Partido popular e que leva demostrado ser un modelo insustentable dende o punto de vista ecolóxico e económico. A Xunta ten unha responsabilidade directa e este non é un problema dunha empresa que pretenda facer negocio cos residuos. O BNG defende un novo sistema que abandone o modelo SOGAMA, evite a proliferación de vertedoiros tóxicos e que aposte por la redución de residuos a súa reciclaxe e reutilización ademais de superar o modelo da incineración.

Pola súa parte, o deputado do BNG, Xosé Luís Rivas, (Mini) asegurou que o modelo de residuos está en crise e o que non se debe facer é “enterralos”. Non entendemos porque os vertedoiros son instalados nun alto, sobre acuíferos e en zonas nas que non se xera ningún posto de traballo e cun grande impacto medioambiental. Aquí chove e de maneira abundante durante o inverno e a instalación dun vertedoiro neste lugar é un “verdadeiro despropósito”.

Para o concelleiro do BNG, Amador Turnes, o macrovertedoiro suporá o enterramento de 77.000 toneladas de residuos tóxicos que poden afectar gravemente aos mananciais de subministro de auga e aos bancos marisqueiros porque a auga nace aquí no monte onde queren “enterrar ese veleno”.  

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG