Ana Pontón visita valdeorras e pide axudas directas para compensar polas perdas das xeadas

Ana Pontón e Noa Presas coa alcaldesa d'A Rúa
Ana Pontón e Noa Presas coa alcaldesa d'A Rúa

Destaca que A Rúa “é un exemplo de como o BNG goberna nos concellos coas portas abertas e con propostas para mellorar  vida da veciñanza”

Nun acto no Barco reclama a tarifa eléctrica galega, que compensaría o custes ambientais que soporta Ourense por producir enerxía

A portavoz nacional, Ana Pontón, empezo no concello da Rúa a súa visita á comarca de Valdeorras onde demandou da Xunta axudas directas para compensar ao sector vitivinícola das perdas ocasionadas polas xeadas que, só na D.O. Valdeorras, os sindicatos agrarios cifran en 3 millóns de euros e unha afectación superior ao 60% dos viñedos.

Pontón xunto coa deputada por Ourense Noa Presas e a propia alcaldesa María González mantiveron un encontro con representantes do sector adegueiro, aos que trasladou todo o apoio do BNG para que sexan compensados polas perdas sufridas.

Neste sentido, a portavoz nacionalista salientou que seguirán reclamando ao Goberno no Parlamento.

“En primeiro lugar que se conclúa a valoración de danos para a continuación habilitar unha liña de axudas directas aos produtores afectados previa negociación co sector”, propuxo a dirixente do Bloque, que criticou a pasividade do Goberno galego.

“O que non pode facer a Xunta é mirar para outro lado e menos aínda culpabilizar ao sector con declaracións intolerables como as da consellería de Medio Rural cando se despachou dicindo que o asegurable non é indemnizable. Imos recordarlle ao señor Feijóo que se trata dun sector estratéxico para a comarca de Valdeorras a para o conxunto de Galiza”, salientou.

Pontón aproveitou a súa visita A Rúa para poñer este municipio “como exemplo dos gobernos municipais do BNG transparentes e de portas abertas á veciñanza, con propostas a favor da maioría social,  pensados para mellorar a vida das persoas e a favor do interese público”. “Sinceramente, -dixo-, en apenas dous anos, podemos dicir que hai un antes e un despois da chegada ao goberno municipal que encabeza a alcaldesa María González, pola democratización que supuxo para este concello”, indicou.

Pontón citou como exemplo destes cambios a redución da débeda municipal, a reorientación dos recursos do concello cara programas de utilidade para a veciñanza, entre os que destacan as actividades dirixidas á infancia e a ampla programación cultural, así como a posta en valor do medio rural  tendo en conta o peso estratéxico do sector vitivinícola na comarca.

A Rúa ten hoxe “un Goberno local activo e reivindicativo na defensa dos intereses do municipio como demostra poñéndose ao lado dos e das veciñas na reivindicación social que freou o desmantelamento de servizos ferroviarios”.

Tamén destacou o traballo feito pola equipa de goberno para rehabilitar O Aguillón, “recuperando un espazo de lecer tan apreciada pola veciñanza que estaba en situación e abandono”, así como as negociacións para buscar unha solución ao habitual problema de abastecemento de auga.

Acto público no Barco

Pontón concluíu a xornada en Valdeorras cun acto público no Concello do Barco no explicou as propostas e prioridades do BNG para mellorar a situación de Galiza e sacar proveito ás potencialidades do país, entre elas os recursos enerxéticos.  “Pagamos un alto custe ambiental, sabédelo moi ben nunha provincia chea de encoros, sen recibir compensación algunha”.

Na súa conferencia, a dirixente do Bloque defendeu unha tarifa eléctrica galega “que permita a familias e empresas beneficiarse do feito de que somos produtores de electricidade, o que suporía un aforro na factura da luz que aliviaría a moitos fogares e, para as empresas, unha  redución do 30% nos custes enerxéticos, “como por outro lado xa teñen as empresas en Euskadi, mentres que aquí nos atopamos co veto do PP”.

Servizos de primeira no rural

A portavoz do Bloque tamén puxo encima da mesa a situación do rural na prestación de servizos básicos e, neste sentido, avanzou que a súa formación “estará vixiante para que o Plan de transporte da Xunta non sexa unha nova desculpa para recortar máis servizos no rural e no interior do país”.

“Todos os galegos e galegas temos dereito a ter a mesma calidade de servizos, vivamos na Rúa, no Barco ou en calquera das grandes cidades do país”, indicou.

As comunicacións, dixo, “son un factor clave na vertebración territorial e na igualdade de oportunidades”, por iso o BNG “quere unha N-120 con todas as garantías de seguridade, unha vía que leva anos esperando as reformas necesarias”.

Desde o Parlamento, “sei que a compañeira Presas vai seguir reclamando o que precisa esta comarca, con investimentos moi concretos que melloran a vida da xente do Barco, como o pavillón cuberto no CEIP Julio Gurriarán, para que os nenos e nenas teñan un lugar confortable, ou renovar as instalacións da estación de autobuses moi deterioradas ante a indiferenza da Xunta”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG