Ana Pontón: “Terrorismo incendiario é manter unha política forestal que converte Galiza nun polvorín”

O BNG solicita axudas económicas para todos os afectados e medidas inmediatas para evitar a erosión e que as cinzas cheguen ao mar

Propón un debate profundo para mudar o actual modelo forestal único xeito de evitar que o país arda ou se repita outra tráxica vaga de incendios

A portavoz nacional, Ana Pontón, criticou a negativa de Feijóo a explicar a vaga de lumes que provocou catro vítimas mortais e sumiu Galiza nunha situación de emerxencia nacional. Nin o Goberno central nin o galego “estiveron á altura das circunstancias”, nun momento en que milleiros de persoas se sentiron abandonadas en medio das lapas.

Pontón recriminou ao Executivo galego que estivese máis preocupado “por construír un relato exculpatorio” que por asumir as súas responsabilidades para afrontar unha situación previsible.

"Resulta indiscutíbel que estes días as condicións meteorolóxicas foron extremas, si. Pero eran previsíbeis e vostedes eran conscientes de que Galiza atravesa unha das maiores secas das últimas décadas”, argumentou Pontón, e aínda así a Xunta mandou para casa a 936 traballadores do servizo de loita contra o lume.

Nese empeño en construír un relato exculpatorio baixo o paraugas do “terrorismo incendiario”, Pontón salientou que existen lumes intencionados, como sempre houbo, pero non explican o que pasou.

“Todas condenamos a quen prende lume e pedimos que a xustiza actúe. Pero terrorismo incendiario é que Ence dite a política forestal, terrorismo incendiario é o abandono programado do medio rural, terrorismo incendiario é a política dun goberno que leva 30 anos empeñado nunha política forestal fracasada que converte o monte nun polvorín. E así seguirá mentres persistan en facer do lume un negocio, en vez de facer do coidado do monte un elemento de riqueza”, denunciou.

Para evitar que se repita a tráxica vaga de lumes de novo, o Bloque propón abrir un debate profundo para mudar a política forestal, para apostar por limpar e ordenar o monte e polo seu aproveitamento multifuncional.

“Hai que pensar a medio e largo prazo. Ou se cambia a política forestal, se loita contra o abandono do rural, se toma en serio que hai un cambio climático, se toman medidas en relación a un territorio totalmente desordenado ou dentro de cinco, seis anos, dará igual que estea sentado no Goberno, volveremos a ter o mesmo problema”, replicou Pontón á conselleira de Medio Rural.

Investigación do operativo

No inmediato, a portavoz nacionalista demandou unha investigación do funcionamento de todo o dispositivo nesta vaga de incendios, así como axudas directas para os particulares afectados, para os concellos e para a reposición dos bens públicos.  Igualmente, medidas para evitar a erosión e que as cinzas cheguen as rías e un plan inmediato para garantir as franxas de protección arredor das vivendas, edificios e  infraestruturas.

“Galiza non é un pobo de incendiarios”, proclamou Pontón ante o reiterado argumento da conselleira de Medio Rural, “é un país que precisa un Goberno que non teña como máxima preocupación construír un relato para ver a quen lle bota a culpa ou se houbo antes alguén que o fixo peor, porque con esa política nunca poderemos avanzar”.

Apagón informativo

As primeiras palabras da portavoz nacional foron para as familias das catro vítimas dos lumes, “de cariño e de alento”, ás que seguiron o recoñecemento a todas as persoas que traballaron con tesón, valentía e solidariedade na extinción do lume e, finalmente, expresou o seu orgullo por o pobo galego que demostrou a súa capacidade de auto organizarse e dar resposta nunha situación na que milleiros de persoas se sentiron abandonadas.

Orgullo que fixo extensivo a toda a cidadanía que saíu a rúa expresar que está “farta das mentiras, da incompetencia e de ver como se alimenta a industria do lume”, subliñou Pontón.

A portavoz nacional tamén criticou o apagón informativo do domingo por parte dos medios públicos, RTVG, que cando debían facilitar información útil e transparente ante unha situación de emerxencia nacional, emitían información futbolística ou de humor co programa land rover. Unha falta de información que motivou miles de protestas e pola que os responsables deberían ser cesados.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG