Ana Pontón: “Só quen ten algo que agochar veta unha comisión de investigación a Villar Mir na Cámara”

ANAPONTON PLENO6XUÑO
Ana Pontón

Alega ás súa imputación na Operación Lezo, ás relacións de privilexio co PP, ás concesións a dedo e á especulación coas centrais do Xallas

Pide a comparecencia no Parlamento do empresario e dos cargos da Xunta que participaron nas adxudicacións ao grupo Villar Mir

A portavoz nacional, Ana Pontón, defendeu a creación dunha comisión de investigación para analizar as autorizacións, contratos e concesións públicas ao Grupo Villar Mir e, en particular, o seguimento do intento de segregación e venda das centrais dos ríos Xallas e Grande, tres delas autorizadas polo propio Feijóo en 2012.

Só para investigar o intento de facer caixa con recursos públicos dun empresario investigado por suposto financiamento ilegal do PP, “estaría requetexustificada a creación desta comisión”, indicou Pontón quen reforzou a petición cun dobre argumento: “É o mellor mecanismo para permitir á Cámara o control do Goberno e é un instrumento para loitar contra a corrupción”.

“A quen lle pode estorbar esta comisión de investigación sobre as concesións públicas a Villar Mir e o seguimento do seu intento de segregación e venda dunhas centrais que son a garantía de 300 empregos? Só a quen ten algo que agochar”, concluíu Pontón ante o veto do PP.

Deixou claro que a intención da comisión era analizar, desde o punto de vista da responsabilidade política, “feitos coñecidos e que están sendo investigados nos xulgados” porque, recalcou, “eu en ningún caso acuso, xulgo ou condeno, pero gústelles ou non escoitalo, vemos unha sucesión de casos illados de corrupción no PP, que salpican directamente o interese xeral de Galiza e mostran ata que punto o réxime do 78 está podre”.

Precisamente, as comisións de investigación están para analizar cuestións de interese xeral, “e non lles parece que entra nesta categoría a venda dunhas centrais que deixarían na rúa a 300 persoas, non é de interese público as concesións a dedo a un empresario investigado polo presunto financiamento ilegal do PP coñecer a xenerosa doazón á Fundación Fraga ou porque se lle permitiu especular coas centrais para construír unha urbanización de luxo en Canalejas en lugar de investir en CEE e Dumbría?”, interpelou.

No debate, a dirixente do Bloque replicoulle ao PP que o que provoca o desprestixio da política “é a corrupción xeneralizada do partido do goberno e o seu veto permanente ás comisións de investigación”, neste caso como no do accidente de Angrois, “que impiden para que non se poda investigar as mordidas nas obras do AVE”.

Alegou que o caso Gürtell xa destapou vínculos da caixa B co PPdG no que Galiza era moeda de cambio para beneficiar ás empresas implicadas, evidencias que volven repetirse na Operación Lezo, e antes nos papeis de Bárcenas. Tamén fixo referencia ás imputacións do propio Villar Mir e do conselleiro delegado de Ferroatlántica, Javier López Madrid, no seu día condenado polas tarxetas black.

A adxudicación a dedo da xestión dos albergues do Camiño de Santiago, os donativos á Fundación Fraga, as numerosas concesións públicas ao conglomerado de Villar Mir como as minas de Serrabal, os parques eólicos de Monte Alegre e Pedra Miñón ou as seis centrais son argumentos para investigar os negocios dun empresario salpicado de cheo polo financiamento ilegal do PP que dependen de decisións da Xunta.
Por iso o BNG demandaba a comparecencia do propio empresario e tamén de todos os responsables na toma de decisións públicas que beneficiaron ao Grupo Villar Mir.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG