Galegas 2016

Ana Pontón, como Rosa Parks: “Sería insubmisa de boa gana contra leis que serven a causas indecentes”

  • “Esa muller negra dixo: da igual o que poña a lei, non teño porque ir no asento de atrás do autobús. Ese xesto de rebeldía é hoxe necesario”

O BNG lanza o segundo vídeo electoral de campaña coa candidata á Presidencia como protagonista, no que Ana Pontón mantén unha pausada conversación con Quico Cadaval, referente da escena galega, para contarnos en ton directo e sincero as súas valoracións sobre temas que van desde a xustiza social, a fuga do talento investigador, ou o papel das mulleres na política e na sociedade.

Na conversación, Pontón declárase abertamente a favor de practicar a insubmisión contra as leis que prexudican as persoas.

“Cando hai leis inxustas que están ao servizo dunha causa que é indecente, incumprir as leis é absolutamente necesario para que haxa xustiza”, declara a candidata que cita como exemplo a Rosa Parks, a costureira negra que en 1955 se negou a deixar o seu asento nun autobús como xesto de protesta contra o racismo en EEUU.

“Unha muller, negra, que cunha acción tan simple como dicir. é que me da igual o que poña a lei, eu non teño porque ir no asento de atrás do autobús, estou aquí sentada e non me vou levantar. Ese acto de rebeldía paréceme que hoxe é absolutamente necesario se queremos cambiar algo”, asegura na súa conversa con Cadaval.

“Eu sería insubmisa de moi boa gana porque creo que estariamos facendo algo realmente importante. Porque non me vale que nos digan que hai miles de euros para rescatar a banca e non os hai para pagar a sanidade e a educación, e dame igual que haxa unha norma europea que se inventan catro que son os que crearon este caos!”.

Pontón declara na charla que hai que cuestionar o marco,”e quen diga que non, é que non está disposto a cambiar nada”.

De presidente a presidenta

Botando man do seu habitual ton de humor retranqueiro, Cadaval pregúntalle a Pontón “polo trastorno que suporía ter unha muller presidenta”, e o custe que suporía cambiar todas as placas oficiais co nome de presidente da Xunta, por outras que poña presidenta. “Ese trastorno sería un gran paso adiante para este país”, responde, “porque cando hai unha crise nunha familia, sempre hai unha muller empuxando”.

Rosa Parks, Frida Khalo, Rosalía de Castro, as feministas que loitan pola igualdade son algúns dos referentes de mulleres que aparecen pechando esta conversa de verán para un tempo novo entre Ana Pontón e Quico Cadaval, que resume este vídeo electoral de 11 minutos e que pode verse na súa versión íntegra a través da propia canle persoal da candidata.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG