Ana Pontón reta a Feijóo a plantarlle cara a Rajoy ante “os orzamentos do recortazo” con Galiza

Ana Pontón
Ana Pontón
Ana Pontón reta a Feijóo a plantarlle cara a Rajoy ante “os orzamentos do recortazo” con Galiza
  • Propón emular a Montoro e responder cun sonoro “nein!” a unha discriminación que deixa ao país con 442 M€ menos en investimentos
  • Demanda un plan de emerxencia para revitalizar o rural, pechar ciclos produtivos no sector agrario e outra política forestal

A portavoz nacional, Ana Pontón, utilizou a sesión de control para denunciar a discriminación sen precedentes a Galiza que plasma o proxecto de orzamentos do Estado, cunha redución do 32,4% nos investimentos territorializados.

“Propoño que os rebauticemos como os orzamentos do recortazo, un agravio sen precedentes, un recortazo de 442 millóns de euros que supón unha labazada en toda a regra na cara dos galegos e das galegas”, denunciou Pontón, quen recriminou a Feijóo que de véspera estivese servindo “de palmeiro” nunha visita propagandística da vicepresidenta do Estado “cando sabía que en menos de 24 horas íamos coñecer o recortazo do século”.

Ante este agravio, Pontón instou ao presidente da Xunta a plantarlle cara a Rajoy cunha declaración unánime da Cámara rexeitando a discriminación con Galiza que consolidan os orzamentos.

“Onte cando presentaba o proxecto de orzamentos preguntáronlle a Montoro se ia aumentar a capacidade de gasto das comunidades autónomas. Dixo non, e para que quedase máis claro dixo tamén en alemán, nein.  Pois iso señor Feijóo, digámoslle  desde este Parlamento, todos os galegos e galegas unidos un rotundo NON ao señor Rajoy, e para que non queden dúbidas digámosllo tamén en alemán, NEIN”, propuxo.

Para a dirixente do Bloque esa discriminación nos orzamentos resta recursos a Galiza para acometer retos como o da recuperación do medio rural, inmerso nun proceso de despobación e avellentamento “que non se vai solucionar con propaganda nin con remakes publicitarios do Plan de desenvolvemento rural tantas veces anunciado e que conta con 300M€ menos grazas tamén a solidariedade de Rajoy”.

Pontón lembrou ao presidente da Xunta que Galiza lidera a caída de poboación rural no Estado, e que a metade dos empregos destruídos no sector agrogandeiro foron neste país.

Para contrarestar esta situación, a portavoz do BNG propuxo unha serie de medidas concretas de revitalización do rural, que pasan por facilitar a produción do sector agrario, por pechar os ciclos produtivos no rural, mudar a política forestal cara un verdadeiro aproveitamento do monte e deseñar un plan extraordinario para frear o despoboamento e mellorar  servizos públicos, como as infraestruturas ferroviarias no interior do país. “Algo que non se poderá levar a cabo se permitimos o agravio orzamentario con Galiza”, remachou, tras ironizar sobre a crecente irrelevancia política de Feijóo: “Non sei que peso ten vostede en Madrid, se pluma ou plumilla”.

O que deixou claro a dirixente do Bloque é que para cambiar a tendencia “vivir no rural non pode implicar ser cidadán de segunda por falta de servizos e de oportunidades, iso é o que temo que mudar”, concluíu.