HOMENAXE NACIONAL A CASTELAO EN RIANXO

Ana Pontón reivindica a vixencia de Castelao e afirma que o proxecto nacionalista do BNG “é máis necesario que nunca”

Ana Pontón en Rianxo
Ana Pontón en Rianxo
Ana Pontón reivindica a vixencia de Castelao e afirma que o proxecto nacionalista do BNG “é máis necesario que nunca”
  • Insta a “fortalecer o músculo” do Bloque “como alternativa de futuro para darlle esperanza á maioría social desmontando un sistema inxusto”
  • Un novo status para Galiza que recoñeza o seu carácter nacional, soberanía fiscal, loita contra violencia machista, rescate AP9 e blindar servizos públicos e sociais, entre as prioridades políticas

A portavoz nacional, Ana Pontón, reivindicou a vixencia do legado de Castelao no acto de homenaxe que cada 7 de xaneiro celebra o BNG en Rianxo para conmemorar a figura deste referente do nacionalismo, proxecto político imprescindible para Galiza.

“Lembramos a Castelao porque sentímonos herdeiras e herdeiros dun pensamento e dunha tradición política máis necesaria que nunca, porque estamos vivindo tempos convulsos e confusos e, se algunha nación sen Estado precisa dun forte movemento nacionalista, esa é Galiza”, salientou Pontón. Nese sentido, - e de cara á celebración da XVI Asemblea nacional en marzo-, instou “a fortalecer o músculo e a capacidade de actuación do BNG como alternativa de futuro para darlle esperanza á maioría social do país e contribuír a desmontar un sistema inxusto e desigual”.

Pontón destacou que o Bloque ten “un modelo real de cambio” como demostra nos concellos nos que goberna, “exemplos de bo facer, de alternativa para o benestar das persoas fronte a un réxime que está esgotado e é incapaz de garantir emprego digno e calidade de vida”. É o momento, dixo, “de rescatar Galiza, de rescatar aos galegos e as galegas fronte aos que nos queren conducir á irrelevancia, impoñendo un modelo que nos conduce a ser cada vez menos e cada vez máis vellos”.

Por iso, interpela aos que “están fartos e fartas de sentirse indignadas e estafadas”.

rianxo3“É o momento do compromiso e do activismo, o momento de tomar as rendas confiando nas nosas propias forzas, no que somos e no que podemos ser”, porque 2017 trae “retos importantes que requiren de toda a nosa intelixencia, unidade e activismo social” para sacar adiante un país en mans “dun goberno vello e sen ideas, un goberno que confunde ter maioría con ter a razón e cun Feijóo servil a Madrid e cómplice dos incumprimentos con Galiza”.

A portavoz nacional fixo referencia ás prioridades políticas que centrarán o traballo do BNG nun ano no que celebra unha asemblea “clave”, que pechará un longo proceso de “posta a punto” do proxecto nacionalista.

Prioritario, a defensa do status político de Galiza como nación nun momento en que está a debate o actual modelo territorial e institucional, -esgotado-, e contrarrestar a un Feijóo “campión da recentralización devolvendo competencias e rebaixando o noso status de nacionalidade histórica”.

rianxo2Urxente tamén acadar un novo modelo de financiamento que acabe coa discriminación e que implique o control total dos ingresos do país a través dun concerto económico que pase a xestión íntegra a Galiza, paso previo para contar cos recursos para blindar os servizos públicos e sociais.

Acadar un Pacto galego contra a violencia machista é asunto clave na axenda do Bloque, que aposta por dar un “salto cuantitativo” pasando de 5 a 95 M€ os fondos previstos nos orzamentos de 2017, e un “salto cuantitativo” revisando todos aquelas medidas e protocolos que non están funcionando na loita contra o terrorismo de xénero.

rianxo1Por suposto, indicou Pontón, o BNG non renuncia a acadar unha AP9 galega como primeiro paso para acabar coa estafa das peaxes, e seguirá apostando por dar unha batalla “como país” e evitar o desprezo de que o Goberno central destine 5.000 M€ a rescatar as radiais madrileñas e cero para Galiza. Igualmente, rexeita novos atrasos na chega dun AVE que outros territorios teñen desde hai décadas.