Ana Pontón reivindica o patrimonio marítimo de Galiza na XII edición de embarcacións tradicionais en Combarro

Ana Pontón na XII edición de embarcacións tradicionais en Combarro
Ana Pontón na XII edición de embarcacións tradicionais en Combarro

Visita institucional ao concello do Poio onde se reuniu co goberno local e diversos colectivos económicos e sociais

Ana Pontón reivindica o patrimonio marítimo de Galiza na XII edición de embarcacións tradicionais en Combarro

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón realizou hoxe unha visita institucional ao concello de Poio onde foi recibida polo rexedor nacionalista, Nito Sobral, a corporación municipal e membros da formación nacionalista. Asemade,  mantivo diversos encontros con colectivos económicos e sociais e  asistiu  á XIII edición do Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galiza que se está a celebrar en Combarro onde afirmou, “temos o patrimonio máis importante de Europa e debemos poñelo en valor”. Neste sentido asegurou que existen  outros lugares, como Irlanda ou Escocia cun grande potencial que fixeron do seu patrimonio, material e inmaterial, “un activo, social cultural e económico”.

Para a portavoz nacionalista é necesario realizar “un inventariado” do patrimonio vinculado co mar e dende a Xunta apoiar todo o labor que está a desenvolver a Federación Galega  pola Cultura Marítima e Fluvial, “como incentivo para o importante  potencial turístico neste ámbito”.

Tras a xuntanza coa corporación municipal, a líder do BNG comprometeuse a trasladar ao Parlamento galego as demandas do concello de Poio entre as que destacou: “a dotación de solo industrial e  a mellora das condicións da seguridade viaria na principal arteria que une Poio con Saxenxo”.

XII edición de embarcacións tradicionais en CombarroPor outra parte,  Ana Pontón, o  deputado por Pontevedra, Luís Bará e o alcalde de Poio  mantiveron unha xuntanza con representantes das mariscadoras a pé que trasladaron a líder nacionalista  as reivindicacións do colectivo. Pontón lembrou que o BNG no Parlamento galego presentou diversas iniciativas para mellorar as condicións laborais deste colectivo con “riscos específicos e moi  diferentes” aos que se producen noutras actividades polo que anunciou o seu compromiso para presentar novas propostas destinadas a o recoñecemento de doenzas profesionais, bolsa de axudas nos períodos de inactividade  e  insistir no  saneamento da ría.

Na xornada da tarde, Ana Pontón tamén se reuniu con membros da AMPA do CEIP de Chancelas para abordar entre outras problemáticas, o desdobre para rebaixar o número de alumnos por aula e  contratación de profesorado.