Ana Pontón reelixida para liderar un BNG fortalecido disposto a darlle a Galiza un goberno nacionalista

Ana Pontón reelixida para liderar un BNG fortalecido disposto a darlle a Galiza un goberno nacionalista
  • Proclama “as portas abertas” a todas as persoas que ven imprescindible unha forza co corazón e a cabeza nesta terra: “O rupturista hoxe é o nacionalismo que cuestiona o réxime do 78”
  • Contundente apoio da militancia á candidatura de consenso para a nova dirección, que obtivo o respaldo do 98,23% das bases

A militancia do BNG deu un contundente respaldo á reelixida portavoz nacional, Ana Pontón, que encabezaba a candidatura de consenso que obtivo o apoio do 98,23% das bases, con 1.112 votos a favor, 1 en contra e 19 abstencións. Unha nova dirección que consolida a renovación xeracional, sen renunciar á experiencia, e que pilotará a formación nacionalista durante os próximos tres anos.

Con ese prazo por diante, Pontón instou a traballar para abrir un tempo novo da man dun BNG fortalecido e cohesionado, preparado para darlle a Galiza un goberno nacionalista.

“Temos que traballar con paixón para abrir un tempo novo na Galiza cun goberno ao servizo da nosa xente, un goberno que nos defenda, que teña un plan ambicioso de futuro. Un tempo novo que prime o compromiso cos dereitos sociais, coa igualdade real. Estamos aquí para facer posíbel o que soñamos: un país con igualdade, con liberdade, con capacidade de decisión e, claro que si, cun Goberno nacionalista do BNG”, proclamou Pontón no seu discurso de clausura da XVI AN.

#26XVIBNG28“Non autolimitarnos”, pediu a portavoz nacional, “porque a inmensa maioría da sociedade pode ser receptiva e beneficiaria das nosas políticas”, e volvía subliñar que o BNG é unha organización para sumar ás persoas que confían no país.

“Temos as portas abertas á sociedade, a todas as persoas que cren neste país, que traballan e loitan para erguelo, todas, absolutamente todas, teñen cabida nesta casa. As portas do BNG están abertas para todas as persoas que antepoñen os intereses de Galiza”, salientou.

A portavoz nacional puxo en valor o traballo feito pola militancia no último ano,- “tíñamos unha tarefa inxente diante de nós e fomos quen de abordala con éxito”,- e deixou claro que o país precisa máis ca nunca do nacionalismo, “a ferramenta para existir politicamente e progresar”, precisa dunha gran organización que teña “a cabeza e o corazón nesta terra” .

Desde a humildade, desde o recoñecemento dos erros pero con orgullo de ser do BNG porque, dixo, “hai algo no que nunca nos equivocamos: de lado, estamos do lado de Galiza e das maiorías sociais do noso país”. Por iso, fronte a unha esquerda que “desertou” da defensa da clase traballadora e fronte a dereitona antigalega de sempre, “o rupturista é o nacionalismo que cuestiona as estreitas costuras do réxime do 78”, alegou.

“O mais revolucionario é poñer o país a producir, modernizar a nosa economía, aumentar a nosa autoestima e a conciencia nacional. Isto só o pode facer alguén que crea nas nosas posibilidades como pobo, pode facelo o nacionalismo organizado que representa o Bloque”, indicou, tras reclamar para Galiza “un goberno decente” nas antípodas do que preside Feijóo.

#26XVIBNG21Efecto bolboreta

Neste sentido, Pontón ironizou sobre o auto proclamado Feijóo como militante de Galiza.

“Pode ser militante de Galiza quen defende que paguemos até 2048 a estafa das peaxes da AP9? Quen está en contra de que nos beneficiemos da produción de enerxía eléctrica e quere regalarlle as centrais do Xallas a Villar Mir? Quen foi parte do desfalco das caixas ou quen ve estupendo a emigración da xente moza?”, interpelaba Pontón.

A única militancia que profesa, dixo, “é a do PP de Bárcenas, do PP imputado por financiamento ilegal, do PP de Aznar e de Rato, do PP da reformas laborais e da lei mordaza e do PP que ataca a nosa lingua e a nosa cultura”, criticou.

Fronte a faciana máis dura do capitalismo, con Trump como fantoche, fronte ao rearme militar, -”aí está Rajoy apresurándose a comprometer máis cartos para a OTAN mentres recorta en sanidade, educación e servizos sociais”-, fronte á xenofobia crecente, fronte ao entreguismo das forzas estatais “boa falta nos vai facer ao pobo galego ter un instrumento de defensa como o BNG, forte e en boas condicións”, alegou.

#26XVIBNG23“Só Galiza pode salvar a Galiza”, concluíu a portavoz nacional, tras apelar aos pequenos cambios que mudan o mundo a modo de efecto bolboreta, para ilustrar que no BNG “queremos crear ese efecto bolboreta na política galega que remude o actual panorama e constrúa un futuro mellor para a nosa xente”.

Ademais do contundente respaldo á nova dirección, a militancia tamén deu un amplísimo apoio ao informe de xestión do Consello nacional saínte, -cun 98,57% de votos afirmativos-, ás teses políticas, -96,8% das papeletas de si-, e aos novos estatutos, -97,34% de votos a favor-.