Ana Pontón reclama en Vilargarcía de Arousa unha fiscalidade propia para os montes en mancomún

Reunión coas comunidades de montes
Reunión coas comunidades de montes

Traslada a propietarios de montes veciñais  do Salnés a proposta do BNG aprobada no Parlamento galego para abrir un liña de axudas destinadas á ordenación forestal e selo de certificación forestal

Presenta en Vilagarcía as “BASES DEMOCRÁTICAS”  para superar o actual marco estatutario e constitucional e dotar a Galiza dun novo status político

Ana Pontón reclama en Vilargarcía de Arousa unha fiscalidade propia para os montes en mancomún

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón reclamou hoxe  “unha fiscalidade propia para os montes en man común” no encontro con propietarios e propietarias de montes veciñais celebrado no Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa.

Para a portavoz nacionalista,  os montes veciñais en man común   cómpren unha importante función social e manteñen un carácter de propiedade colectiva singular que  os diferencian dos montes públicos comunais de Concellos e  entidades locais menores.

Unha cuarta parte do territorio galego con máis de  700 mil hectáreas corresponde a monte veciñal de propiedade comunal. Na actualidade, dixo, existen cerca de 2.800 comunidades de montes que demandan dotarse dun “órgano específico” para atender ás necesidades da propiedade comunal e  condonar as débedas “falsas e inxustas dos montes veciñais”.

Pontón trasladou ao colectivo de propietarios de montes a proposta do BNG aprobada recentemente no Parlamento galego para poñer en marcha unha liña de axudas a  comunidades de montes para   dotalas de   planos de ordenación forestal e  selo de certificación forestal.

Pola súa parte, as comunidades  mancomunadas   en Vilagarcía  trasladaron á nacionalista  a súa preocupación polos incendios especialmente “virulentos” entre  Vilagarcía e Caldas provocados polo vento e por pistas forestais en condicións inadecuadas así como a proliferación de “verquidos e vertedoiros incontrolados” dos polígonos industrias polo que  demandan “máis implicación e axudas da Xunta” para limpar as verteduras.

Sobre as débedas, afirmaron que  quedan montes veciñais conveniados coa administración forestal e obrigadas a pagar débedas  “falsas e inxustas”.  De  non facelo, explicaron, deben   entregar a xestión do monte a unha empresa forestal privada. Este  problema, afirmaron, quedaría resolto se as comunidades entraran a formar parte dunha SOFOR polo que as débedas serían eliminadas.

Por último, tamén  foi abordado o problema dos traballos subvencionados, que na actualidade, non poden ser realizados por medios propios, circunstancia que incide negativamente na xestión comunitaria e o fomento do emprego local.

Ana Pontón comprometeuse a trasladar ao Parlamento galego todas as demandas dos propietarios e propietarias dos montes veciñais do Salnés.

Presentación das Bases DemocráticasO BNG PRESENTA AS “BASES DEMOCRÁTICAS PARA UNHA NOVA GALIZA

Tralo encontro cos propietarios de montes, a portavoz do BNG participou no acto público celebrado no Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa para presentar o documento das Bases Democráticas, proposta política do BNG  ante o debate do cambio do marco institucional.

A  portavoz do BNG manifestou que Galiza, “non pode quedar atrás” nun  escenario que vai decidir un novo marco institucional, “temos que estar aí e cun  novo status para a nación galega”, para acadar outro  sistema financeiro, unha  capacidade fiscal xusta, un  concerto económico que produza beneficios no noso país, xestionar as  infraestruturas como  AP-9 e os aeroportos, así como poder    decidir  por nós sobre o sector enerxético ou a política forestal. “Ter e exercer o autogoberno implicaría ter as ferramentas para mellorar as condicións de vida de todos e todas as  galegas e ter esas ferramentas, empodera a Galiza”, recalcou.

O actual Estatuto e a Constitución, explicou  non permitiron que Galiza puidera desenvolver todo o seu  potencial. Hai  problemas estruturais que seguen  presentes e mesmo  agudizados nos  anos de crise, realidade á que sumou á   “recentralización política” do Partido popular e  partido socialista,  “unha receita letal para o noso país, para a nosa economía, a nosa lingua e a nosa  cultura”.

 Pontón  insistiu na necesidade de dar un “xiro ao poder político galego” porque de non ser así, advertiu,  veremos como Galiza sae “moi mal parada” do novo escenario político que se está a abrir. “Feijóo conduce a Galiza á irrelevancia política” e mantén unha actitude “submisa” ante Madrid e Rajoy. Precisamos contar con poder político para que Galiza non sexa “unha mera espectadora” ante os retos e cambios da  política do Estado, concluíu.