Ana Pontón reclama unha Lei Galega de Educación destinando o 7% do PIB fronte os continuos recortes do PP

Rolda de prensa Aan Pontón LOMCE
Rolda de prensa Ana Pontón LOMCE
  • A portavoz parlamentaria  afirmou que “a LOMCE naceu morta” e que   debe ser derrogada como reclaman todos os axentes da comunidade  educativa

A portavoz do grupo parlamentaria e do BNG, Ana Pontón afirmou que a LOMCE representa  o programa ideolóxico do  Partido popular  para  un “sistema educativo clasista, segregador, mercantilista e españolista”  ademais dos continuos recortes en materia de ensino  que tiveron   graves consecuencias en Galiza  polo que apostou por “unha Lei galega de educación”  cun plan especial de recuperación de  investimento perdido ao longo da crise, e marcando  o obxectivo de destinar ao ensino o 7% do PIB. Para isto, recalcou,  sería básico contar  cun “concerto económico para blindar investimento en educación”.

Ante os medios de comunicación, a nacionalista lembrou que dende o ano 2009 o ensino sufriu un “recorte acumulado de 1.900 M€ en Galiza” que supuxo a eliminación de 2.000 postos de traballo de profesores e profesoras e 49 escolas públicas pechadas fronte a 243 de nova creación no ensino concertado.

Por outra banda, explicou que 4.000 alumnas/os non poden acceder ao ciclo que desexan e 3.000 familias non conta con praza pública en escolas até 3 anos. O 40% do alumnado tampouco obtivo axudas para  os libros de texto “gratis” como acontecía no ano 2009.

A portavoz do BNG explicou  que  durante os anos de crise, a maioría dos países  da OCDE mantiveron a mesma inversión en educación polo que é preciso “facer unha inversión extra”. A respecto da LOMCE lembrou que é a  Lei con maior rexeitamento social, “regresiva, ataca gravemente ao ensino igualitario e integrador  e vai contra  a normalización lingüística”. Galiza estivo á cabeza das mobilizacións contra a LOMCE e as revalidas e mesmo este ano xa levamos dúas folgas que expresan o rexeitamento  da sociedade galega a unha lei “que naceu morta” e que debe ser “derrogada”.

Asemade salientou que na actualidade o Congreso iniciou  un debate sobre o futuro da educación no que  “Galiza non pode ser unha mera observadora”. É urxente contar “cunha posición galega” para defender “o dereito ao ensino, a  educación pública e de calidade e cunha clara aposta  polo galego como lingua vehicular”.

PROPOSTAS DO BNG EN DEFENSA DO ENSINO PÚBLICO

A portavoz parlamentaria reclamou outro marco para o sistema educativo galego e demandou da Xunta de Galiza “un papel activo” para conseguilo. Entre as propostas  do BNG para avanzar na recuperación do investimento perdido ao longo da crise e preciso, dixo, marcar como obxectivo:  contar cun concerto económico para  destinar ao ensino o 7% do PIB. Unha posición galega de país  ante o pacto de Estado sobre educación. Reclamar máis competencias e que  os  efectivos para o ensino  sexan decisión da Xunta e non do goberno do Estado. “Garantir que o número de profesorado sexa decidido na Galiza” con competencias exclusivas en educación en e materia de bolsas.

Finalmente, a portavoz nacionalista reiterou a necesidade dunha “lei Galega de Educación” que garantan  o dereito a universal a unha educación pública de calidade, que incremente as prazas públicas en todos os centros, elimine os concertos, prohiba a segregación do alumando por sexo e garanta o galego como lingua vehicular.  “Esta lei ten que facerse co consenso e participación social e coa  constitución dunha mesa de diálogo entre Xunta, sindicatos do ensino, asociacións estudantís e movementos de renovación pedagóxica e partidos políticos”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG