Ana Pontón reclama a implicación da Xunta para garantir os postos de traballo en Maderas Iglesias

Ana Pontón na xuntanza con traballadores e traballadoras de Maderas Iglesias
Ana Pontón na xuntanza con traballadores e traballadoras de Maderas Iglesias

Afirma que a empresa de transformación de madeira é “viable e ten negocio” e anuncia mocións nos concellos da comarca de Vigo para defender o futuro de 250 postos de traballo

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón anunciou  hoxe  que o BNG presentará mocións nos concellos da comarca de Vigo para garantir a actividade e 250 postos de traballo  na empresa Maderas Iglesias.

Tralo encontro con representantes dos traballadores e traballadoras de Maderas Iglesias ao que tamén asistiron o deputado por Pontevedra, Luís Bará e os responsábeis comarcal e local da forza nacionalista en Vigo, Pontón manifestou que a empresa Maderas Iglesias será “o cabalo de batalla do BNG” ata que se produza unha “implicación real por parte da Xunta de Galiza”. Para a nacionalista, a Xunta “non pode tirar balóns fora” porque conta con mecanismos  para crear emprego na comarca e manter os postos de traballo da empresa.

A portavoz do BNG explicou que Maderas Iglesias foi un referente no sector da transformación da madeira  e na actualidade, a pesar de sete EREs e a ameaza de liquidación, segue sendo “viable e ten negocio” pero precisa dunha reestruturación da débeda que ten que vir, ao seu xuízo, a través da Xunta de Galiza.

A Xunta, retirou, non pode deixar esmorecer unha empresa que chegou a dar emprego a 800 traballadores e traballadoras e que na actualidade conta con 250.

Pontón remarcou que no ámbito da transformación da madeira, a empresa foi no seu momento como a “Citroën do sur de Vigo” pero hoxe está nun momento crítico e a Consellería de Economía  ten instrumentos para manter e crear emprego nunha comarca que leva padecido as graves consecuencias da crise coa perda de 6.000 empregos na  comarca de Vigo no sector industrial  dende o ano 2009. Dende o BNG, dixo, pensamos que o que está a pasar en Maderas Iglesias é unha “alerta da desindustrialización  de Galiza”.

A Xunta ten o  IGAPE que debe servir para que empresas que pasan por dificultades, como é o caso de Maderas Iglesias, podan saír adiante e reclamaremos ao Goberno que “deixe de mirar para as musarañas e se poña a traballar” porque hai 250 traballadores e traballadoras que ven en risco o pan dos seus fillos e fillas. Pontón criticou o “pasotismo da Xunta” e anunciou que no vindeiros meses o BNG levará , “pleno si, pleno tamén” este debate no Parlamento de Galiza ata que se produza unha solución real para manter a actividade e o futuro de Maderas Iglesias. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG