Ana Pontón reclama a Feixóo unha política forestal que acabe coa “traxedia repetida” dos lumes

Ana Pontón
Ana Pontón

Pide que os 10,4M€ estafados por ex directivos se destinen a política social e ao PP que levante o veto á comisión parlamentaria das caixas

Leva ao Pleno a mediación do CGRL no conflito da Xustiza, subir as pensións máis baixas e unha tarifa eléctrica galega para abaratar a luz

O BNG centrará a pregunta de control ao presidente da Xunta na política forestal, tendo en conta que estamos ás portas do período de risco de incendios e que, pese a que finalizou a fase de comparecencias da Comisión de loita contra os lumes, non hai data para as conclusións e, tras a vaga de outubro, nada hai enriba da mesa salvo un Pladiga que reproduce o “corta e pega” doutras edicións e o avance dun novo plan forestal que segue apostando polo eucalipto.

Neste contexto, “Feixóo segue instalado na mentira da trama incendiaria e non move ficha para responder a un dos graves problemas deste país”, denunciou a portavoz nacional, Ana Pontón, quen reclamou do presidente da Xunta “valentía para impulsar políticas que combatan os problemas estruturais e eviten que os incendios e as súas consecuencias sexan a traxedia repetida de todos os veráns e outonos”.  É preciso un cambio de 180 grados, “para  acabar cunha política forestal ao servizo das portas xiratorias de ENCE”.

Entre as proposta do BNG, un Pladiga consensuado con todos os axentes que participan na loita contra o lume, medidas para limpar e ordenar o monte, recursos e colaboración cos concellos para facer efectivas as franxas de protección, “non chegan coas sancións”.

A formación nacionalista tamén levará ao Pleno o conflito dos e das traballadoras da Xustiza para que o Parlamento reclame a mediación do  Consello Galego de Relacións Laborais, dado o enroque da Xunta e tendo en conta que afecta a un servizo básico que tamén está repercutindo noutros colectivos como avogados e procuradoras. Igualmente,  volve pedir na Cámara a subida das pensións non contributivas para incrementar o complemento autonómico en cen euros mensuais de prestacións que non chegan aos 400€ mes.

“O PP ten unha segunda oportunidade para subirlle a pensión a 40.000 persoas xubiladas, a maior parte mulleres, que teñen un ingreso por debaixo do umbral da pobreza”, subliñou Pontón, unha medida cun coste perfectamente asumible de 40 millóns de euros dun orzamentos de 9.000M€. O Bloque completa as súa iniciativas parlamentarias cunha PNL en defensa dunha tarifa eléctrica galega, que suporía un aforro do 15% na factura da luz para as familias.

A portavoz nacional tamén fixo referencia á sentenza do Tribunal Supremo que ditamina a devolución da indemnización autoasignada por ex directivos de NovaCaixa Galicia, neste caso por importe de 10,4M€, contía que o BNG considera debe reverter en Galiza.

Un veto de nove meses

“Eses fondos deben reinvestirse en Galiza aínda que sexa como resarcimento simbólico e deben destinarse a políticas sociais, porque o rescate das antigas caixas foi pagado polos traballadoras e traballadoras, polas persoas pensionistas, o pagamos a cidadanía con  peor sanidade e educación. Sería un xesto mínimo”, argumentou Pontón, quen aproveito a sentenza para reclamarlle a Feixóo que levante o veto á comisión de investigación das caixas de aforro.

“Leva nove meses sen reunirse, e o Parlamento ten unha obriga política e moral de que esa comisión poña en marcha as súas conclusións, que cada forza emita as súas conclusións sobre o desfalco das nosas caixas e que poñamos focos na responsabilidade do presidente da Xunta, porque sen a súa colaboración é evidente que non se terían producido as escandalosas indemnizacións nin a desaparición do sistema financeiro galego”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG