Ana Pontón propón “empoderar” Galiza para acabar co centralismo e construír un país con futuro

A Feijóo: “O problema é que vostede leva oito anos exercendo como fiel recadeiro de Rajoy empeñando en manter unha Galiza dependente”

Critica “as vellas receitas fracasadas” nun discurso auto compracente e insensible cos problemas reais da xente, que a propaganda non soluciona

Proclama que o PP, o partido da corrupción, é a auténtica ameaza para a convivencia, non o pobo catalá que reclama votar en liberdade

Estamos nun momento político decisivo que vai dar paso a un cambio de ciclo finiquitando o réxime caduco do 78, e neste contexto, a portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou o debate do estado da nación para deixar claro que o problema de Galiza non é o pobo catalá pedindo votar en liberdade senón un presidente da Xunta empeñado en manter a dependencia do país.

O BNG propón rachar con esa dependencia e “empedorar” Galiza confiando nas potencialidades deste país e da súa xente.

“O noso problema non é que o pobo de Cataluña queira decidir o seu futuro, o noso problema é un presidente empeñado en manter unha Galiza dependente do centralismo”, salientou, “o problema é o centralismo, é este réxime esgotado e caduco, e o grande reto é rachar con esa dependencia, confiar nas nosas propias forzas e empoderar Galiza”.

Pontón criticou que, en lugar de tomar ese camiño, Feijóo leve oito anos “pasando olimpicamente de Galiza e exercendo como fiel recadeiro de Rajoy” permitindo un ninguneo sistemático: Retrasos no AVE, recortazo nas inversións do Estado mentres outros territorios recibían unha “chuvia de millóns”, veto á transferencia da AP9, incremento das peaxes, foron algúns dos exemplos desta marxinación. “É imperdoable que permita que desprecen e discriminen a Galiza deste xeito”, recriminou Pontón.

Nese obxectivo de “empoderar” a Galiza nun momento decisivo, o BNG formula unha proposta –as Bases Democráticas- para abrir un debate na Cámara e con toda a sociedade “para sentar as bases dun país con progreso e igualdade, que blinde os dereitos e liberdades cívicas a través dunha carta de dereitos sociais”. Un debate para “buscar unha folla de ruta propia” que permita superar o actual marco constitucional e estatutario “e dotar Galiza dun novo status de nación para decidir sobre a economía, finanzas, dereitos sociais e infraestruturas”.

“O importante e camiñar e non retroceder”, indicou, como van facer outros territorios e instou a Feijóo “a mollarse”: “Vostede que vai defender para Galiza, que sexa unha nación ou que nos declaren unha rexión?”, tras recalcar que “son tempos para a confianza nas nosas propias capacidades e potencialidades”.

Síndrome de Monte Pío

Pontón criticou o discurso “auto compracente, sen corazón e afastado dos problemas reais das xente”, instalado na súa particular “zona de confort” en Monte Pío que nada ten que ver coa vida da maioría dos e das galegas, marcada polo desemprego, precariedade, emigración e recorte de servizos públicos básicos.

Fronte a iso, “volve coas mesmas receitas vellas e fracasadas” pese á constatación “do fracaso do modelo Feijóo responsable de ter feito a crise máis longa e intensa, de facer medrar a pobreza e a desigualdade, de cuadriplicar a débeda pública e de privatizar elementos claves no sistema de benestar”, alegou Pontón.

Neste sentido, a dirixente do Bloque denunciou unha axenda oculta do presidente da Xunta coa patronal da sanidade privada á que acaba de entregarlle un cheque de 100 M€ que detrae da pública, lembra as listas de espera, ás 17.000 persoas dependentes sen prestación, ou o recorte de investimentos e persoal no ensino público ao tempo que se financian os centros que segregan por sexos.

“Financia o elitismo e a desigualdade de xénero alimentando a violencia contra as mulleres”, criticou, tras cualificar de fracaso a loita contra o terrorismo machista. “As cifras contra a violencia de xénero son unha vergoña” investindo so 3 de cada dez euros previstos para apoiar ás vítimas.

Os problemas reais do país “non se van solucionar coa propaganda nin con novas promesas que nunca se cumpren”, nin tampouco con plans xa fracasados. O envellecemento da poboación “non se arranxará con caixas finlandesas, senón con salarios finlandeses”, e o mesmo pasa co enésimo anuncio de que será a lexislatura do rural, “sería máis correcto dicir a do abandono do medio rural”.

Leccións de democracia

Pontón tamén deixou clara a posición do BNG en relación á actual crise institucional, que atribuíu á incapacidade do Estado español para recoñecer ás nacións galega, vasca e catalá, e salientou que o problema para a convivencia non é o desexo do pobo catalá a decidir o seu futuro, senón dun PP corrupto.

“Non aceptamos leccións de democracia do partido da corrupción, do partido dos 900 imputados”, denunciou, “e son vostedes os que constitúen un grave problema para a convivencia, os que cambiaron a constitución para rescatar á banca en lugar das persoas, os da contrarreforma laboral, os da lei mordaza, os da amnistía fiscal, os das cloacas do Estado e son vostedes os da recentralización política que deixou o estatuto en papel mollado”.

“Nesta encrucillada a única saída é a democracia no seu sentido máis xenuíno, o Goberno do pobo polo pobo”, sintetizou, tras lembrar que forma parte dunha xeración “que non votou a constitución á que se lle di que non ten dereito a decidir nada, iso non é democracia”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG