Ana Pontón proclama a necesidade do nacionalismo para construír a Galiza das oportunidades

Propón ás forzas políticas traballar desde o Parlamento para darnos un estatus de nación: “Ficar como estamos é retroceder”, advirte

Insta a unirse contra o agravio é ofrece portas abertas a quen senta que o país precisa unha organización coa cabeza e o corazón nesta terra

A portavoz nacional, Ana Pontón, proclamou nunha abarrotada Praza da Quintana que o nacionalismo é máis necesario ca nunca para construír “unha Galiza das oportunidades que non deixe a ninguén atrás”, e lanzou unha mensaxe de optimismo desde un BNG “renovado e fortalecido que está en condicións de ofrecer un proxecto sólido e de futuro para os galegos e as galegas”.

“Se algún país necesita o nacionalismo é este, porque o cambio ou é galego, feito desde nós e para nós, ou é un mero recambio. Vémolo nos concellos, onde hai un cambio real? En todos e cada un dos concellos que goberna o BNG, que son o espello da Galiza que queremos”, salientou no seu discurso do Día da Patria.

E para conseguir ese país soñado, Pontón aposta por “seguir fortalecendo e sumando apoios” nesta nova etapa do Bloque, “coas portas abertas a todos os galegos e galegas que senten que hoxe, máis ca nunca, este país precisa unha gran organización que teña a súa cabeza e o seu corazón nesta terra”. Unha forza que aspira a todo, enfatizou.

_XSM1759.redimensionado“Non nos poñamos límites, porque temos un país con capacidade, porque somos unha organización con experiencia e renovada, porque temos un proxecto para darlle a Galiza un futuro mellor”, argumentou a portavoz nacional.

Pontón fixo un chamamento para traballar pola unidade de todos os galegos e galegas porque esa é a unidade “útil” que o país precisa.

“Unirnos contra a discriminación, unirnos para poder traballar e vivir con dignidade na nosa terra, unirnos para construír un país en que ninguén quede atrás, unirnos para reclamar o noso lugar, unirnos para decidir nós sobre o noso, sen pedir permiso a Madrid. Esa é a unidade útil e por ese camiño temos todo por gañar”, asegurou, nun momento de agravio sen precedentes por parte do Estado ante a submisión cómplice de Feijóo.

Feijóo, si bwana

“Galiza está desaparecida, somos un expediente X na política estatal. E que fai ese Feijóo que en campaña tivo a revelación mariana de ser militante de Galiza? Romper ese carné e ficar co do PP. Que Rajoy di transferencia da AP-9 tirirí que te vi, Feijóo responde si, bwana, que Rajoy di AVE para 2040, Feijóo si, bwana, que di recortazo de 442M€, responde, si bwana”, ironizou.

A solución aos problemas non virá desde Madrid, nin das forzas estatais, “as vellas e as novas, as guais e as menos guais, que Galiza como caladoiro de votos máis cando toca mollarse polo país, si te he visto no me acuerdo”, criticou, tras preguntarse que fai a “esquerda española” aperte do mérito de ter sentado a Rajoy na Moncloa. “Por que non derrogan a Lei mordaza, a contrarreforma laboral ou non levantan a indecente prórroga de ENCE?”

“Por iso convido a todas as persoas que levan Galiza no corazón a que se sumen ao BNG, porque se algo é cada día máis evidente e que se algún país precisa o nacionalismo é este”, reiterou.

Galiza NovaUn paso adiante

O Bloque ten claro que “o país soñado” non pode levantarse nin desde os “sumidoiros” do réxime do 78, nin desde unha monarquía parasita, nin desde un Estado español que ameaza a quen quere darlle a voz ao pobo. “Por que non lle aplican esa mesma vara a Rajoy e Montoro? Que respondan co seu patrimonio polo desfalco de 60.000M€ que lle regalaron á banca ou pola ilegal amnistía fiscal”, propuxo Pontón.

Pese a resistencia do centralismo, vai haber cambios profundos e Galiza non pode quedar atrás, razón pola que o BNG fai unha proposta de país para abrir un debate que permita darnos un novo estatus.

“Galiza ten que emerxer como nación, marcar o noso propio camiño e evitar ficar como rexión anulada politicamente”, alegou. “Por iso propoñemos ao resto de forzas políticas abrir unha ponencia política no Parlamento que camiñe cara un novo status que nos recoñeza como unha nación, cunha carta de dereitos sociais avanzada, facenda galega que garanta os servizos públicos, con ferramentas para modernizar a nosa economía e o pleno desenvolvemento da nosa lingua e cultura”, explicou.

Neste sentido, a dirixente do Bloque foi clara: “ficar como estamos é retroceder”. Pola contra, “debemos aspirar a todo, ter ambición de país e dotarnos de poder político real e das ferramentas para construír a Galiza que soñamos”, proclamou. Pontón propuxo un “gran pacto pola esperanza, que non é optimismo cego, senón o que nos fai estar dispostas a enfrontar os obstáculos porque sabemos que nos espera algo mellor se temos o valor de conquistalo”, concluíu.

Record de participación

A Quintana rexistrou o maior cheo dos últimos anos, proba da corrente de simpatía xerada tras as últimas eleccións galega que deu forzas renovadas ao nacionalismo. Na praza, loitas sociais e laborais, como as dos traballadores e traballadoras de Ferroatlántica, sector do metal, 112, mariñeiros de Long Hope ou emigrantes retornados. Entre as delegacións asistentes: ERC, EH-Bildu, PNV, CUP, Bloc Nacionalista Valenciá, Alianza Libre Europea, Bloco de Esquerdas e PCP, Plaid Cymru, e representacións do Kurdistán, Palestina, Sáhara ou Venezuela, entre outros.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG