Ana Pontón pregunta a Feijóo onde estaba mentres liquidaban o Pastor, en Babia?

Ana Pontón
Ana Pontón

“Onde estaba mentres liquidaban o Pastor, en Babia?”, interpelaba, tras cualificar a Feijóo de cómplice da desaparición do sistema financeiro

Despachar o tema pedindo “sensibilidade” ao Santander “é como pedirlle ao lobo que non pape ás ovellas”

O BNG aposta por unha banca pública galega máis necesaria ca nunca, “bastaría menos do 0,000001% dos 60.000M€ do rescate da banca privada

Ana Pontón pregunta a Feijóo onde estaba mentres liquidaban o Pastor, en Babia?

Cunha moeda dun euro entre os dedos a portavoz nacional, Ana Pontón, arrancaba simbolicamente a súa interpelación ao presidente da Xunta: “Unha moeda dun euro que ao común dos mortais non nós chega para pagar un café, chegoulle a Ana Patricia Botín para facerse cos restos do sistema financeiro galego metendo na súa cesta da compra o Banco Popular-Pastor”.

Con esa moeda dun euro, enfatizou, “gana a grande banca e perde Galiza”, porque desaparece unha entidade galega bicentenaria, porque as PEMES e ás familias quedan sen un punto de apoio crediticio, porque hai  60.000 aforradores e aforradoras estafadas pola banca e o polo Goberno e porque hai máis de 1.000 empregos directos en xogo.

Ante esta situación, a dirixente do Bloque propuxo ao presidente da Xunta facer unha fronte común con tres obxectivos concretos: Garantir o emprego e a marca do Pastor, esixir unha solución para as 60.000 persoas que viron reducidos a cero as súas accións e investigar esta nova estafa bancaria ampliando o obxecto de investigación da actual Comisión parlamentaria das caixas de aforro, “sen vetos e sen limitacións”.

Igualmente, o BNG propón a creación dunha banca pública galega, hoxe máis necesaria ca nunca, que podería facerse co moito menos do 0,000001% dos 60.000M€ do rescate da banca privada a costa do erario público.

Pontón acusou a Feijóo de ser “cómplice necesario” da desaparición do sistema financeiro galego porque, lembrou, cando o dirixente do PPdG chegou a Monte Pío existían Caixa Nova, Caixa Galicia, Banco Galego e  Banco Pastor. “Hoxe non queda nada, outro logro que sumar a súa estupenda xestión”, ironizou, mentres no mesmo contexto  Euskadi e Catalunya manteñen a Kutxa e La Caixa, “proba evidente de que non estamos ante un problema de competencias, como alegou, senón de incompetencia”.

“Onde estaba vostede mentres liquidaban ao Pastor señor Feijóo, en Babia? Desde logo, onde non estaba era defendendo os intereses de Galiza”, recriminou Pontón, tras criticar a inactividade do xefe do Executivo ante un tema “que non pode despacharse pedindo sensibilidade ao Banco Santander, que é tanto como pedirlle ao lobo que non pape ás ovellas”.

A dirixente do Bloque preguntouse por qué non se evitou a absorción do Pastor, “pois a vista está que  foi unha pésima decisión”, por qué non se evitou a caída do Popular suspendendo a súa cotización en bolsa, “como tres días despois fixeron con Liberbank”, e por qué non se evitou que miles de galegas e galegos “teñan que volver aos xulgados a reclamar os aforros da súa vida”.

Pontón inicio a sesión plenaria expresando a oposición nacionalistas á decisión do presidente do Parlamento de acumular as preguntas formuladas polo BNG e por En Marea “porque trampea e desvirtúa a única ocasión de control que temos desde a oposición ao presidente do Goberno”, alegou.