GALEGAS 2016

Ana Pontón: “Precisamos a forza das mulleres que están a favor da igualdade real”

Acto público no Teatro Rosalía de Castro da Coruña
Acto público no Teatro Rosalía de Castro da Coruña
Ana Pontón: “Precisamos a forza das mulleres que están a favor da igualdade real”
  • O BNG é a candidatura das persoas que confían na Galiza e o seu voto será o que derrote á maioría de Feijóo
  • A candidata fixa como prioridade de goberno “blindar o dereito á saúde”

A candidata á Presidencia, Ana Pontón, instou a todas as persoas que queren un cambio real a partir do 25S a que o domingo enchan as urnas de votos “inconformistas e rebeldes” apostando por un proxecto político de país, solvente, coherente e con experiencia que ten a cabeza e o corazón en Galiza.

“O BNG é a candidatura das persoas que teñen a rebeldía de confiar en Galiza, que teñen a rebeldía de confiar nas nosas propias forzas, e serán os votos deses galegos e galegas inconformistas os que derroten ao PP quitándolle a maioría absoluta a Feijóo”, proclamou a candidata desde o Teatro Rosalía da Coruña. Convencida da remontada e de que o Bloque dará a sorpresa, porque “somos a garantía de cambio real cun valor dobre”.

Por un lado, dixo, porque o BNG nunca permitirá gobernar á dereita se os galegos e as galegas así o deciden o 25S, “nin PSOE, nin Podemos poden dicir o mesmo por moito que agora teñan a cara dura de vir darnos leccións de como derrotar ao PP”. E por outro lado, porque non chega cun cambio de caras e o BNG “aposta por abrir un tempo novo para construír unha Galiza na que vivir e traballar con dignidade”.

Para abrir ese tempo novo, Pontón fixo unha apelación directa ás galegas, ás mulleres deste país que sempre demostraron ser “o motor” para saír adiante nos momentos difíciles, no persoal e no colectivo. “Precisamos que a forzas das mulleres se exprese nas urnas, que se expresen a favor de nós mesmas, e como candidata teñen o meu compromiso de que mellorar a vida das mulleres será unha prioridade”, alegou.

A candidata citou obxectivos concretos como erradicar a discriminación salarial e facer efectiva a conciliación familiar e laboral, con medidas igual de concretas: contratos cero ás empresas que discriminen, servizos públicos de calidade e permisos de paternidade obrigatorios para facer efectiva a conciliación. “Abramos un tempo novo entre todas, apostando pola igualdade real”, instou.

EfectoPontón

Desde o Teatro Rosalía, a candidata presumiu de campaña e amosouse convencida da remontada ás enquisas.

“Estes días estou percorrendo o país de arriba abaixo, e xa teño claro que é iso que chamades o efectoPontón: sodes todos e todas vós, simpatizantes, militantes, candidatos e candidatas cheos de forza e de confianza no país, cheos de convencemento no proxecto que representamos, quen estades facendo que cada vez máis galegos e galegas miren para o BNG, e esa forza, será a que tumbe a maioría absoluta do PP”, proclamou.

A candidata destacou que a campaña “en positivo e con propostas” está provocando unha “remontada” do BNG que empezou no debate “onde quedou claro que somos capaces de enfrontar a Feijoo, quen por iso non quixo volver dar a cara con nós”. “Mentres el ten unha coalición con Baltar, o BNG ten unha coalición cos galegos e cas galegas desde a decencia e a honradez”.

Acto público no Teatro Rosalía de Castro da CoruñaRecuperar 2.000 sanitarios

Pontón volveu puxo en valor que o Bloque é a única forza que defende un sistema fiscal que dea a Galiza o control dos seus impostos cunha facenda galega, que lle permitiría xestionar 3.000 millóns de euros adicionais que agora recada o Estado por riba do que reinviste no país. Uns recursos cos que blindar servizos públicos como a sanidade.

Con tres prioriades: supresión dos repagamentos de medicamentos de execución inmediata, recuperar aos 2.000 profesionais da sanidade eliminados polos recortes do PP, -o que tería un efecto evidente nas listas de espera-, e un plan de recuperación progresiva dos servizos sanitarios privatizados.

“Queremos blindar o dereito a saúde dándolle a volta á situación de deterioro creada por oito anos de recortes e privatizacións do PP. Nunca un goberno fixo tanto dano á sanidade pública como o do señor Núñez Feijoo”, denunciou.

“Ás persoas indecisas dígolles que un resultado potente do Bloque é a clave para derrotar ao Feijóo e tamén é a garantía dun cambio profundo e non só de caras para, desde as nosas propias forzas, acabar coa submisión, coa dependencia e co espolio”, concluíu nun mitin no coruñés teatro Rosalía de Castro, ao que tamén “asistiron” ilustres figuras do galeguismo e do nacionalismo como Otero Pedrayo, María Miramontes ou Antón Vilar Ponte.