Constitución da comisión de investigación sobre o accidente de Angrois

Ana Pontón a PP e PSOE: “Votarían non a unha comisión de investigación se viaxasen no Alvia accidentado?”

Ana Pontón
Ana Pontón
  • Dereito das vítimas a coñecer a verdade, asunción de responsabilidades e adoptar medidas para evitar unha nova traxedia, argumentos do BNG a favor dunha investigación parlamentaria

Citando un poema de Rosalía sobre o dereito á xustiza a portavoz nacional, Ana Pontón, defendeu por cuarta vez no Parlamento galego a creación dunha comisión de investigación do accidente de Angrois esgrimindo tres argumentos: O dereito das vítimas a coñecer a verdade, esixencia de responsabilidades políticas e adoptar as medidas para evitar outra traxedia ferroviaria.

“Temos unha débeda ética e democrática coas vítimas que reclaman unha comisión de investigación desde a dignidade e desde a fortaleza, non desde a vinganza, que nos piden que camiñamos da man con elas e que non escatimemos esforzos para coñecer a verdade e haxa unha reparación, para que se asuman responsabilidades, e para que se tomen as medidas necesarias e nunca máis se produza un accidente”, explicou Pontón.

A dirixente do Bloque interpelou directamente aos deputados e deputadas do PP e do PSOE sobre o seu veto á crear unha comisión de investigación.

“Teñen medo a coñecer a verdade? A que se coñezan as súas mentiras como o incumprimento das normativas de seguridade, como o feito de que inauguraron un AVE que non era un AVE incorrendo en publicidade enganosa, que retiraron o sistema de seguridade ERMTS na curva máis perigoso do trazado”, denunciou.

Pontón reclamou A socialistas e populares un voto en conciencia, pensando nas vítimas e non nas ordes do partido.  “Antes de pulsar o botón vermello pídolles que se pregunten que votarían se fosen algunha das 218 persoas que aquel día viaxaban no tren Alvia, votarían que non?”, cuestionou a portavoz do Bloque.

ANAMIRANDA SEGUE DEBATE COMISION INVESTIGACION ANGROISVotación en urna

Lembrou Pontón a recente reunión entre Feijóo e o ministro de Fomento, -“o mesmo que como alcalde pedía unha comisión de investigación que agora nega”-, encontro no que se esqueceu do accidente de Angrois, ao tempo que desestima o argumento de que a investigación xudicial resta importancia á parlamentaria. “Unha dirime responsabilidades penais e outra políticas”, replicou.

O BNG pediu votación segreda e en urna dada a transcendencia do tema e para facilitar a liberdade do voto dos e das deputadas. “Voten en conciencia, non pensen en cales son as directrices do seu partido, nas ordenes dos seus xefes, pensen que é máis digno, que este Parlamento lle dea un portazo ás vítimas ou darlles xustiza, verdade e reparación”,concluíu.

Pontón fixo un recoñecemento expreso do traballo da portavoz do Bloque en Bruxelas, Ana Miranda, da man das persoas afectadas para superar “o cerco” do PP e do PSOE, presente no debate na Cámara galega.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG