Ana Pontón pide unha mobilización masiva contra o “golpe de estado” de Feijóo á sanidade pública

Reunión profesionais e usuari@s da sanidade
Reunión profesionais e usuari@s da sanidade

Unha contestación social contundente é a mellor vacina contra o “virus do PP en forma de recortes e privatizacións” que fan da saúde un negocio

Encontro con profesionais da sanidade e con persoas doentes ás que agradeceu que “dean a cara” en defensa do sistema público de saúde

Ana Pontón pide unha mobilización masiva contra o “golpe de estado” de Feijóo á sanidade pública

Carlos, Pilar, María, Mónica, Celso, Manuel ou Vanesa, profesionais e persoas usuarias da sanidade pública no HULA, Hospital Álvaro Cunqueiro, Hospital do Salnés, ou dos PACs de Tui e da Guarda, que hoxe alzaron a voz para denunciar a situación de “saturación, colapso e deterioro da atención sanitaria” que soporta o sistema público de saúde tras anos de recortes e privatizacións do PP.

Tras un encontro coa portavoz nacional, Ana Pontón, e coa portavoz de Sanidade, Montse Prado, relataron as condicións de precariedade, de estres e de falta de medios materiais e humanos nas que, como profesionais, se ven obrigados a realizar o seu traballo, e as negativas consecuencias sobre a atención ás persoas doentes, “que esperan en corredores ou salas ateigadas, sen intimidade e sen espazo ata doce horas”. A “brutal carga de traballo”, denuncian, non garante unha atención de calidade.

Derivacións obrigatorias á sanidade privada con represalias se a doente reivindica o seu dereito a ser atendida na pública, -“pasamos de ser doentes a ser clientes”, denunciaba unha das persoas afectadas-, prazos de atención que non se cumpren, listas de espera mesmo na atención primaria, saturación e pouco persoal nos hospitais e os PAC como “grandes esquecidos” do sistema de saúde.

Tras escoitar as denuncias de profesionais e usuarios, Pontón agradeceu que “dean a cara” en defensa da sanidade pública e instou a saír á rúa para que a manifestación do 4 de febreiro convocada pola Plataforma SOS Sanidade Pública teña unha participación masiva. “Ten que haber un cambio de 180 grados”, reclamou, pero para frear as leis privatizadoras e os recortes do PP “é preciso unha gran mobilización social, que a cidadanía responda nas rúas ante os golpes de estado de Feijóo nos despachos e no DOG en contra da sanidade pública”, demandou.

Para a dirixente do Bloque, o sistema sanitario galego “está infectado por un virus perigoso que nace no laboratorio privatizador do PP e que está inxectando Nuñéz Feijóo ao sistema sanitario, poñendo en risco a vida e a saúde das persoas. E fronte a esta situación a mellor vacina é mobilizarnos o vindeiro domingo nunha grande manifestación en defensa da sanidade pública e dos hospitais comarcais”, recalcou.

Pontón fixo un recoñecemento expreso aos profesionais e acusou a Feijóo de “poñer en risco o dereito á saúde das persoas” empezando polo feito de que existan listas de espera na atención primaria, “unha barbaridade” que radiografía a situación da sanidade pública. A dirixente do Bloque tirou de datos para ilustrar a evolución das listas de espera: En 2009 había  34.403 persoas agardando para unha operación, en xuño de 2017, 37.904. En especialidades só no que afecta á primeira consulta, en 2012 había 150.080 persoas en espera; en 2017, 162.221.

Derivacións á privada

Estas cifras son só  a punta do iceberg porque hai milleiros de persoas que non teñen cita simplemente porque as axendas están pechadas. E mentres a pública soporta recortes, Feijóo reforza á privada cun sistema continuado de derivacións, -86 pacientes cada día-, “síntoma de como se fai negocio a costa da saúde”.

Desde 2009, Galiza perdeu 3.000 profesionais sanitarios, elimináronse 700 camas nos hospitais, houbo un recorte continuado do investimento, -en particular na atención primaria porta de entrada ao sistema sanitario cun recorte acumulado de 2.000M€-,  que en 2018 recibe un 15% menos de recursos dos que había en 2009.

“Non queremos un país con persoas de primeira e persoas de segunda en función dos seus recursos para acceder a unha sanidade de calidade”, salientou Pontón, por iso, o 4 de febreiro é preciso saír a rúa para defender o sistema público de saúde, concluíu.