Ana Pontón pide a Feijóo que non subvencione a precariedade laboral desde o goberno da Xunta

Manifestación da CIG en Vigo
Manifestación da CIG en Vigo
Ana Pontón pide a Feijóo que non subvencione a precariedade laboral desde o goberno da Xunta
  • Pregúntase como, sen maioría absoluta do PP, as forzas estatais aínda non se puxeran de acordo para derrogar a contrarreforma laboral

A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveito a celebración do Primeiro de maio para reclamarlle ao presidente da Xunta que non se promova nin se subvencione a precariedade laboral desde o Goberno galego nin desde ningunha administración pública, e puxo encima da mesa unha dobre proposta nese sentido.

“Primeiro, compromiso da Xunta de non colaborar nin contratar a través de empresas de contratación temporal ou con aquelas que usen as ETTs como vía de contratación do seu persoal. E, segundo, remunerando cando menos co SMI os contratos en prácticas ou de formación para evitar que se convertan en man de obra barata”, indicou Pontón.

A dirixente nacionalista fixo estas declaracións desde Vigo, onde participou na manifestación organizada pola CIG para reclamar a restitución “de todos os dereitos laborais roubados” baixo a coartada da crise. Neste sentido, Pontón foi moi crítica co feito de que, cun Goberno en minoría de Mariano Rajoy, aínda siga en vigor a denostada reforma laboral do PP.

vigo2web“Sinceramente, pregúntome como sen maioría absoluta por parte do Goberno central, as forzas estatais aínda non se puxeron de acordo para derrogar a contrarreforma laboral do PP, pese a que supuxo unha agresión sen precedentes aos dereitos dos e das traballadoras”, criticou Pontón.

Para a portavoz do BNG tamén resulta “inmoral” o empeño de Feijóo en seguir presumindo dunha recuperación económica “que a crúa realidade de miles de galegos e galas nega cada día, desde o sufrimento que provoca o paro, a precariedade ou ter que percibir salarios de miseria”. Unha realidade que confirman os últimos datos da EPA, que mostran que o 60% dos novos parados no Estado no primeiro trimestre do ano foron galegos.

Datos aos que se unen os 16.000 empregos destruídos en Galiza no que vai de ano,  a taxa de pobreza do 20%, as 132.000 persoas en pobreza extrema cuxos ingresos están por debaixo dos 332 € aos mes, case un 5% da poboación galega, ou a cifra de un 14,8% de asalariados pobres. “Por moito que se empeñe Feijóo na propaganda oficial, medran as desigualdades sociais neste país”, concluíu.