Ana Pontón pide a Feijóo que se desculpe cos alcaldes e alcaldesas que plantaron cara ao lume

Avia Veiga, Ana Pontón e Mariano Gómez-Ulla
Avia Veiga, Ana Pontón e Mariano Gómez-Ulla

O BNG solicita a comparecencia do presidente na Cámara para explicar a xestión da vaga de lumes e debater un cambio na política forestal

A portavoz nacional, Ana Pontón, reclamou do presidente da Xunta que se desculpe con todos os alcaldes e alcaldesas que estiveron loitando contra o lume nos seus concellos en condicións de enorme precariedade, e que a cambio se viron atacados e cuestionados polo xefe do Executivo galego.

“Lamento que o presidente, en lugar de asumir que existiron cuestións que funcionaron mal, dedicouse a atacar a alcaldes e alcaldesas que estiveron loitando contra o lume, que tiveron que poñerse a arranxar unha motobomba porque non tiñasn medios que levaban anos reclamando da Xunta, alcaldes que se puxeron a desaloxar vivendas e a conducir carrocetas para ir apagar o lume coas súas propias mans”, indicou a dirixente nacionalista.

“Feijóo débelles unha desculpa a todos eses alcaldes e a todas as persoas que estiveron soas e con medo loitando contra o lume”, reiterou Pontón, quen  anunciou que o BNG, xunto coas outras forzas políticas da oposición PSOE e En Marea, demanda a comparecencia do presidente da Xunta a próxima semana para dar explicacións no Parlamento.

“Imos solicitar todos os datos do dispositivo porque hai moitas voces autorizadas que falan de descoordinación, improvisación, falta de medios e reacción tardía  e o máximo responsable é o señor Feijóo l”, explicou Pontón, quen reclamou ao xefe do Executivo que non se agoche tras o relato do terrorismo incendiario “porque senón se admiten errores non é posible corrixilos” e considera imperativo un cambio radical nunha política forestal “pirómana”.

“Terrorismo incendiario tamén é que se continúe cunha política forestal que converteu Galiza nun polvorín e tamén é terrorismo incendiario que non se garantan as franxas de seguridade nas vivendas e nas infraestruturas. Hai miles de cidadáns que non creen que todo se fixo ben”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG