Ana Pontón pide amparo á presidencia do Parlamento ante as graves acusacións de Feijóo

O presidente da Xunta puxo en cuestión o compromiso da portavoz parlamentar do BNG contra a violencia machista

“Só hai dous bandos, o dos asasinos e maltratadores e o das vítimas, de cal está vostede?”, afirmou Feijóo na sesión de control ao presidente

A portavoz nacional, Ana Pontón, presentou un escrito de amparo ante a Mesa e ante a Presidencia do Parlamento, -en base ao artigo 13 do Regulamento-,  solicitando a retirada das palabras do deputado e presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, nas que cuestiona a implicación da dirixente do BNG na loita contra a violencia machista.

“Só hai dous bandos: o dos asasinos e maltratadores e o das vítimas. De cal está vostede?”, foi a interpelación de Feijóo na sesión de control na que Pontón denunciou que a Xunta non está facendo todo o suficiente para loitar contra un problema social que afecta ao 52% da poboación, e pedía máis recursos económicos e medios para garantir o cumprimento da lei de violencia de xénero.

“Esas declaracións supoñen un atentado contra a miña dignidade e contra todo o grupo parlamentario do BNG, polo que solicito o amparo da Presidencia do Parlamento de Galiza para que estas palabras sexan retiradas e se actúe conforme ao establecido polo Regulamento do Parlamento de Galiza”, recolle o escrito de amparo, ao que sumará unha queixa formal na próxima Xunta de portavoces.

Pontón salienta no escrito “que a violencia de xénero é un delito, como tal está recollido no código penal, e o deputado Alberto Núñez Feijóo introduce un xuízo de valor e desliza unha dúbida que non é admisíbel, nin tolerábel e que non pode admitirse como tolerábel”. Por iso, pide a actuación da Presidencia do Parlamento e lembra que “son moitos os antecedentes nos que a Presidencia actúa por propia iniciativa, ordena a retirada destas expresións, e chama á orde a deputados e deputadas”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG