Ana Pontón pide que o 25X sexa unha gran mobilización social contra o agravio do Estado con Galiza

Ana Pontón en Ferrol
Ana Pontón en Ferrol

Acto do Día da Patria en Ferrol “cidade que exemplifica como poucas esta discriminación” que soportou unha reconversión industrial, segue esperando polo saneamento da ría e ten un tren do XIX

Ana Pontón pide que o 25X sexa unha gran mobilización social contra o agravio do Estado con Galiza

A portavoz nacional, Ana Pontón, participou en Ferrol nos actos que o BNG organiza por todo país dentro da campaña de celebración do Día da Patria, que aproveitou para animar a todos os galegos e galegas a participar para converter o 25 de Xullo nunha gran mobilización social contra a discriminación que sofre Galiza por parte do Estado.

“Queremos reivindicar que Galiza é unha nación que ten dereito a rebelarse contra a discriminación do Goberno central, porque somos un país cun enorme potencial que non podemos aproveitar por falta de poder político, o que se traduce en emigración xuvenil, salarios baixos, pensións de miseria en moitos casos, e fronte a isto, temos un Estado que nos discrimina”, argumentou.

Na Praza Vella da cidade, Pontón subliñou que Ferrol é unha cidade “que exemplifica como poucas ese agravio e esa discriminación, unha cidade que soportou unha reconversión naval, que segue esperando pola recuperación integral da súa Ría e que ten un transporte ferroviario propio do século XIX”, denunciou. A dirixente do Bloque, tamén criticou a insolidariedade fiscal do Estado coa cidade.

“Non é lóxico que mentres os veciños e veciñas de Ferrol pagan impostos temos aquí un arsenal militar que non paga ningún tipo de gravame”, por iso “queremos que o 25X sexa unha grande manifestación contra o agravio do Estado e que serva para dar un golpe na mesa e cambiar as cousas, como por exemplo cambiar a xestión absolutamente abusiva da AP9, que tamén afecta a Ferrol, conseguindo a transferencia a Galiza como primeiro paso para acabar coa estafa das peaxes”.

“Agora Feijóo di que non é posible por 7 millóns de euros mentres Rajoy ten 4.000 millóns para rescatar as radiais madrileñas”, criticou, e fronte a esta discriminación “non vale calar, nin resignarse,  por iso convida a unha gran mobilización social no Día da Patria en defensa da dignidade do noso país e poñer en marcha o cambio de rumbo que necesita Galiza”.

No acto participaron numerosos responsables locais e comarcais do BNG, como a alcaldesa de Moeche, o rexedor de San Sadurniño e  o portavoz municipal, Iván Rivas.