GALEGAS 2016

Ana Pontón: "Ourense non necesita un parque acuático, necesita un plan para rexenerar o monte"

Acto público en Allariz
Acto público en Allariz
Ana Pontón: "Ourense non necesita un parque acuático, necesita un plan para rexenerar o monte"
  • Pon aos gobernos municipais como aval de que o BNG sabe mellorar a vida das persoas: “Queremos trasladar a Galiza o que fixemos en Allariz”
  • “As forzas estatais queren converter o 25S nun ensaio das terceiras eleccións xerais, pero que está en xogo e o futuro dos galegos e galegas”

A candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, proclamou desde Allariz que é preciso plantarlle cara ao problema dos lumes que vai máis aló dos incendiarios e que ten a causa principal no abandono do medio rural sen unha política de aproveitamento e ordenación do territorio.

Como medida de urxencia, o BNG propón como prioridade de goberno tras o 25S elaborar e aplicar un plan de rexeneración das zonas queimadas que, nos últimos días, se cebaron especialmente na provincia de Ourense.

Por esa razón, Pontón atribúe ao “endeusamento” de Feijóo que a súa gran proposta fose “prometer un aquapark, mentres ardían 8.000 hectáreas de monte na provincia”, criticou no mitin de Allariz ao lado da cabeza de lista por Ourense, Noa Presas, e do alcalde Francisco García.

A candidata nacionalista tamén propuxo “a posta en marcha dun contrato de sustentabilidade”, que consistiría nunha aportación económica “ás persoas que vivan no rural e que ademais de facer actividade agraria se comprometan a conservar e custodiar o territorio”.

A filosofía destas iniciativas é mudar a política de extinción pola da prevención e aproveitando do monte e da masa forestal, en colaboración coas comunidades de montes veciñais, outros propietarios e usuarios, gandeir@s e ecoloxistas, e coas agrupacións veciñais de vixilancia e ao voluntariado neste ámbito.

allariz1O BNG quere retomar a profesionalización do dispositivo de extinción 100% público e cun mando único, formar ao persoal encargado, e mellorar os medios materiais reforzando as brigadas de investigación de incendios forestais.

Pontón instou a aproveitar a oportunidade do 25S “para acabar con oito anos indo cara atrás en dereitos, en servizos, en benestar social, en emprego, cara atrás na situación da nosa lingua e na nosa cultura”, e puxo en valor o cambio transformador capaz de mellorar a vida das persoas realizado polos gobernos municipais do BNG, como o caso de Allariz.

Espectáculo madrileño

“Demostramos con feitos que sabemos facer as cousas moi ben cando gobernamos, porque Allariz demostra que hai que ter confianza no que somos para poder avanzar, é un exemplo do que podería ser Galiza se exercemos un poder político real, e queremos trasladar o que fixemos en Allariz a toda Galiza”, salientou.

Fronte ao “espectáculo” da política madrileña e das súas “sucursais”, o BNG defende un autogoberno real sen dependencias de Madrid. “Estamos na campaña galega, e o que está en xogo non é o futuro de Rajoy, Sánchez o u Iglesias, senón o dos galegos e galegas. É indigno que PP, PSOE ou Podemos pretendan facer do 25S un ensaio das terceiras eleccións no Estado”, criticou.

O 25 de setembro, recalcou Pontón, “temos a oportunidade de abrir un tempo novo para construír unha Galiza mellor de emprego e benestar social”, e para iso, o BNG “ten un proxecto de país, solvente e confiable, e ten experiencia, como a demostrada nos gobernos municipais Máis aló de slogans demostramos que sabemos como gobernar para mellorar a vida das persoas”. E, ademais, “somos a candidatura de todas as persoas que, como o BNG, confían neste país e na súa xente”, concluíu.