Ana Pontón: “Os Orzamentos de 2018 carecen de proxecto de país e ignoran ás persoas que sofren a crise”

Ana Pontón
Ana Pontón

O “rebelde” Feijóo actúa como alumno aplicado do centralismo de Rajoy e dos recortes de Montoro, “unha submisión que paga Galiza”, denuncia

A contas de 2018 non crean emprego, afondan nas desigualdades, non reverten os recortes dos servizos públicos e ignoran a vaga de lumes

Ana Pontón: “Os Orzamentos de 2018 carecen de proxecto de país e ignoran ás persoas que sofren a crise”

O BNG defendeu unha emenda de totalidade ao proxecto de orzamentos de 2018 da Xunta porque son “fillos dunha concepción neoliberal e depredadora de Galiza”, repiten as propostas fracasadas que trouxeron precariedade, desigualdade e sufrimento, e parten dunha diagnose  errada e autocompracente que pregoa a recuperación económica pese a que a metade dos e das galegas non chegan a fin de mes.

Así resumía a portavoz nacional, Ana Pontón, a petición de devolución das contas dun Goberno “instalado nunha rutina decadente”. “Estes orzamentos deixan unha mensaxe preocupante: Non hai proxecto de país e non lle tenden a man a toda a xente que segue sufrindo as consecuencias da crise e do roube de dereitos”, salientou na súa intervención no debate parlamentario.

A dirixente do Bloque subliñou que nestes presupostos o presidente da Xunta volve actuar como “alumno aplicado do centralismo de Rajoy e dos recortes de Montoro, centralismo e dependencia que son veleno para Galiza, que paga un prezo altísimo pola submisión de Feijóo”.

De feito, Pontón lembrou a última discriminación co país coa exclusión do corredor atlántico de mercadorías da Rede Transeuropea de Transporte “ante un rebelde Feijóo, -ironizou-, que en vez de plantarse e esixir unha rectificación, aplaude e engana aos galegos e as galegas”. Subordinación que tamén está detrás do veto á AP9, dos retrasos do AVE ou do sistema de financiamento inxusto e discriminatorio, “temos o triplo de débeda que en 2009, pero máis precariedade e os servizos públicos máis deteriorados”.

O BNG reclamou a devolución duns orzamentos que ignoran a prioridade social de crear emprego, recortar as desigualdades e reverter os recortes en servizos públicos.

De feito, o descenso previsto na taxa de paro non deriva da creación neta de postos de traballo senón dun descenso da poboación activa sobre todo debido ás 250.000 persoas que colleron a maleta desde 2009.

“Pese ao negacionismo da emigración que practica o PP”, denunciou Pontón, quen reprochou ao xefe do Executivo a súa frivolidade cun tema de tanta gravidade social: “Non sei de que se ri señor Feijóo, non creo que lle dea a risa aos galegos e galegas que están en Londres traballando nun bar”, recriminou durante a súa intervención.

Suben o IBEX, baixan os salarios

Menos emprego e máis precariedade para unha maioría social “que ve como cada vez os seus salarios dan para menos mentres os salarios dos do IBEX35 marcan un récord histórico, unha indecencia á que contribúen as reformas laborais do PP e do PSOE” xerando unha crise social sen precedentes. De feito, explicou, a taxa de pobreza é cinco puntos máis alta desde a chegada do presidente do PPdG á Montepio, hai o dobre de persoas cobrando a RISGA, ao tempo que Galiza aumenta a brecha coa media do Estado e coa UE.

No debe do proxecto dos orzamentos de 2018 Pontón tamén anotou que ignoran a vaga de lumes, ao contrario, cae o investimento en prevención de incendios, hai menos recursos para colaborar coas entidades locais e recortes tamén para atender situacións de emerxencias. Tampouco se inclúe un plan de recuperación ambiental para as zonas afectadas. Igualmente, falta apoio á lingua e cultura propias e Galiza continúa no vagón de cola en termos de investimento en I+D+i.

Crise democrática

Á crise nacional e social alimentadas pola “submisión” de Feijóo a Madrid, Pontón sumou á crise democrática desatada “polo partido da corrupción que, por riba, se presenta como campión do cumprimento da lei”. Unha crise da democracia agudizada nas últimas semanas “coa persecución de ideas, coa represión política e recortes de liberdades fundamentais por un PP que non acepta que somos unha nación e nos impón unha monarquía e un réxime caducos”, denunciou, “o mesmo partido que destrúe a martelazos os discos duros de Bárcenas”.

Na súa análise das constas de 2018 Pontón incluíu as críticas pola baixa execución dos orzamentos aínda en vigor, en moitas partidas importantes mesmo por debaixo do 35%. “En lugar de converter os presupostos nun motor económico, teñen case todo por executar”, concluíu, denunciando tamén os recortes en emprego público en servizos públicos básicos como sanidade ou educación.